Necrópole de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil)

A Necrópole de San Vítor de Barxacova representa un elemento fundamental na xustificación do valor universal excepcional da paisaxe cultural da Ribeira Sacra por constituír un testemuño de grande importancia do período de expansión do eremitismo na Alta Idade Media.

Atópase nun lugar especialmente importante dentro desta paisaxe, na desembocadura do río Mao no río Sil, na zona alta do canón dominando o val, pero apenas visible dende a contorna. Trátase dunha das necrópoles máis importantes do noroeste peninsular para o período alto medieval. Os traballos de escavación revelaron a existencia dunha capela que existiu no alto dunha pena e unha serie de 35 sepulturas escavadas na rocha, repartidas en tres sectores diferenciados: o alto da capela, o sector norte e o sector sur do afloramento. Esta zonificación indica unha organización moi coidada da necrópole, polo que se deduce a existencia dunha comunidade xerarquizada, máis aínda tendo en conta a presenza dunha “tumba privilexiada” que albergaría a algún personaxe destacado. É posible que a extensión da necrópole sexa aínda maior da actualmente coñecida á vista das plataformas que se definen cara o sur do afloramento e as tumbas localizadas cara o centro da explanada. Entre as novidades do xacemento destaca o descubrimento de tumbas superpostas, o que nos mostra unha perdurabilidade no tempo deste tipo de enterramentos, ademais de claras probas de reaproveitamento das tumbas por máis dun individuo, cun curioso, e apenas sen paralelos, osario cuadrangular anexo aos pés da sepultura.

A partir do estudo dos restos óseos é posible datar este xacemento no século X-XI, é dicir, o momento de máximo desenvolvemento do movemento eremita, coetáneo á Cidadela de Santa María entre os ríos Fiscaíño e Bibei (A Pobra de Trives).

As recentes intervencións no xacemento que permiten o seu coñecemento, visita e valoración, foron promovidas polo Concello de Parada de Sil no marco dun exemplar proxecto de investigación liderado pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia no que colaborou a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. En varias campañas sucesivas foi posible a escavación, investigación e consolidación do xacemento dende diversas disciplinas e sumando unha interesante campaña de difusión e de implicacion da comunidade local.