Natureza da paisaxe cultural

A Ribeira Sacra é unha paisaxe cultural que reúne todas as características para seren considerada non só dun valor sobranceiro para a identidade do pobo galego ao longo do tempo, senón un exemplo significativo de valor universal que testemuña o intercambio de valores humanos, dende a presencia prehistórica na que o pensamento abstracto se materializa no respecto aos mortos e na idealización da natureza e do universo observable plasmado sobre a pedra; a explotación dos recursos minerais estratéxicos; o ascetismo, a contemplación e a vida natural dos eremitas e monxes; o asentamento e asimilación de crenzas relixiosas e espirituais a través dos máis fermosos e complexos monumentos nos que se gravaba na pedra tamén a súa doutrina; o cultivo intensivo de peadas pendentes para a súa venda e intercambio a lugares afastados; e mesmo a explotación do potencial hídrico para a produción de enerxía imprescindible para o sostemento dos estándares de confort da vida actual, ... todo elo nun escenario complexo para o uso, mesmo a pé, e de impresionante beleza estética, conformado pouco a pouco, coa man, pedra sobre pedra, creando o socalco, pero tamén a mesma terra e as especies que cultivan.

Unha tradición cultural que permanece de forma viva, presente en cada metro do terreo, nas xentes que son herdeiras de centos de miles de pequenos predios que seguen a usar e ser o seu sustento, e que fan viable a súa vida en comunidade.