Muíños do río Xabrega (Sober)

O conxunto de muíños do Xabrega e o grupo máis completo dos que se conservan nesta paisaxe e ademais son un exemplo da arquitectura popular que ten na Ribeira Sacra unhas características singulares. A meirande parte deste patrimonio edificado, muíños, aceñas, pesqueiras e canais, na Ribeira Sacra atópase baixo o nivel das augas actuais polos encoros do Miño e o Sil, formando unha reserva arqueolóxica importante que só pode contemplarse cando as augas baixan polas tarefas de limpeza que periodicamente as empresas teñen que realizar, ou pola seca. As arquitecturas da auga ligadas aos afluentes do Miño e do Sil teñen unha maior relevancia porque son as únicas testemuñas deste outro xeito de explotación tradicional dos recursos naturais que resulta accesible. O regato de Xabrega, tamén coñecido como “do Camilo”, “da Boca” ou “de Bouzas” o incluso dos “Muíños” é un río corto e pequeno que forma un val espectacular, moi estreito que se interna nos canóns ata desembocar no Sil en forma de cascada, pero antes da súa unión con el, tradicionalmente o río foi aproveitado polas xentes que poboaron esta zona para a construción de muíños, un tras outro ata 28, dos cales oito puideron ser recuperados nos últimos anos e formaron unha fermosa ruta de gran valor etnolóxico promovida polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

A súa tipoloxía é moi variada porque son arquitecturas que se adaptan á topografía do terreo co obxectivo de acadar o máximo rendemento á forza da auga, que se emprega para moer o cereal, pero tamén para mazar o liño e, noutros contextos, como batáns para moer a galena do vidrado da cerámica e outras producións ocascionais.

A técnica construtiva das súas fábricas é a cachotería de granito con cantería escuadrada nos esquinais e nos ocos, nalgún casos, ou simplemente de cachotería de granito na meirande parte deles,empregando sinxelas técnicas de pedra en seco que alcanzan a perfección na formación de linteis, arcos de descarga e en xeral os elementos destinados á soster o bater das augas. A cuberta a unha ou dúas augas é de estrutura de madeira e cubrición de tella. Hai algúns exemplos que conservan parte da súa maquinaria, ben as moas de moer, os mazos ou as turbinas das primeiras máquinas da luz. No seu contorno recuperáronse canais, presas, pontellas, muíños e se construíron pasarelas e miradoiros sobre o río.