Mosteiro e igrexa de San Salvador de Asma (Chantada)

As orixes do mosteiro de San Salvador de Asma están nos anos finais do século X e foron os seus fundadores os condes Ero Ordoniz e Adosinda. Trataríase dun mosteiro familiar e dúplice que se enmarca nunha etapa de florecemento da vida monacal de tradición visigótica. Aínda que non sabemos a data exacta na que a comunidade aceptou a regra bieita, sería con posterioridade ao ano 1100.

Desde entón e ata 1496, San Salvador estivo gobernado por un abade, pero coa reforma emprendida polos Reis Católicos, en 1496 incorporouse a San Benito de Valladolid e a partir dese momento deixou de ter a consideración de mosteiro e pasou a ser un priorado dependente da abadía vallisoletana, ata o momento da desamortización e exclaustración a mediados do século XIX.

Do primitivo conxunto monástico consérvase a igrexa, que funciona como parroquial. Presenta unha estrutura característica dos templos románicos da Ribeira Sacra cunha nave única con cuberta de madeira, e cabeceira cunha ábsida semicircular ao exterior e poligonal ao interior, tamén cuberto cun artesoado de madeira. Aínda que ao exterior a ábsida está parcialmente oculta pola sancristía, conserva a súa articulación orixinal coas columnas adosadas cos capiteis románicos decorados que soportan a cornixa cos modillón labrados e nos entrepanos ábrense as ventás cas característica columnillas con capiteis traballados sobre os que se dispón unha cornixa axadrezada e unha tripla arquivoltas cunha moldura de bocel, escocia e taqueado.

Da época románica conserva parte dos modillóns do muro norte da nave todos eles historiados excepto os do tramo central que carecen de decoración porque son froito dunha reforma posterior.

A fachada é unha obra de fins do século XVIII, de formas moi sinxelas, sen decoración e cunha organización moi simple en tres corpos separados mediante unas faixas e cunha simple porta adintelada e unha ventá para a iluminación do coro, no segundo corpo. O conxunto remátase cunha espadaña para as campás.

É de grande interese o retablo maior dedicado ao Salvador que é unha peza manierista de fines do século XVI e vinculado os talleres vallisoletanos de gran calidade. Tamén son relevantes os retablos colaterais do principios do XVIII dedicados a San Xosé e San Bieito. Outra peza relevante é a pila bautismal de época medieval.