Mosteiro e igrexa de San Paio de Abeleda (Castro Caldelas)

É un mosteiro fundado pola orde de San Agostiño, e foi a única casa que esta orde tivo na Ribeira Sacra, un territorio colonizado polos monxes negros de San Bieito e brancos de San Bernardo. As referencias máis antigas datan do ano 934 e aluden a existencia dun cenobio nesta zona, da cal non conservamos restos salientables.

A igrexa actual é unha obra do século XII que presenta planta de cruz latina dunha sola nave de tres tramos abovedados e separados por arcos faixóns. A cabeceira está composta por unha capela de planta semicircular que tivo cuberta de madeira. A construción ten a particularidade que o interior da igrexa conserva as cales e restos da policromía que presentaban capiteis románicos, todos eles decorados con motivos figurativos que representan demos ou figuras monstruosas.

Da fábrica medieval consérvase a portada de acceso ao cemiterio que pode vincularse a talleres de cantería do século XII e XIV. Conserva as súas columnas cos relevos dos dous principais apóstolos de Cristo, San Pedro e San Pablo que sosteñen un arco apuntado cunha arquivolta que enmarca o lintel no que aparece a relevo do Pantocrator.

A época moderna especialmente aos séculos XVI–XVIII corresponden as dependencias monásticas que se conservan en malas condicións. O elemento más destacable é o claustro que responde a tipoloxía dos modelos dos século XVI.

A raíz da desamortización os cóengos de San Agostiño foron expulsados do mosteiro e a Casa de Alba adquiriu a propiedade do cenobio mentres a igrexa pasou a depender do bispado de Ourense ao converterse en templo parroquial, ata que en 1972 se clausurou. A partir deste momento, o conxunto de Abeleda quedou abandonado, acelerándose a ruína e o deterioro do mesmo. A igrexa perdeu a súa cuberta, os retablos que aínda se conservaban foron espoliados e algunhas pezas de valor, como a pila bautismal do século XIII, foron trasladadas á capela de Soutelo. Aínda que o estado do conservación do conxunto é malo, existe un recoñecido movemento social co apoio local para promover a súa recuperación e a integración deste senlleiro monumento nalgún uso que revitalice ao seu contorno e poña en valor as partes del que se conservan.