O límite entre a ribeira e a bocarribeira

Este límite resulta do análise do mapa de pendentes, chegando á conclusión de que a ribeira dos canóns está formada polas pendentes superiores ao 30%, estando a bocarribeira caracterizada, ao contrario, con pendentes inferiores a este valor. Aproximándose a este límite, fíxase un trazado en base aos elementos físicos máis próximos: camiños que discorren a unhas cotas homoxéneas e que se poden percibir por si mesmos como o límite da bocarribeira, e sendeiros ou camiños de terra no caso de inexistencia dos anteriores; correntes naturais de auga, tal como aparecen na imaxe de satélite ou no parcelario; elementos xeomorfolóxicos destacables como fitos na percepción do territorio, como picos, portos ou ladeiras; e finalmente os principais miradoiros recoñecidos pola súa relación coa apreciación da paisaxe e ferramenta para a súa compresión.

No caso de non haber ningún destes elementos próximos e para non estenderse máis aló dos canóns, a delimitación recorre aos límites de parcelario completo, ou ás subparcelas con cambio de cultivo nos ámbitos xerais. Nas zonas nas que resulta aínda algún criterio complementario pola súa complexidade, como na proximidade dos núcleos de poboación, o límite trázase polas parcelas adxacentes ás construcións dentro do núcleo. Cando a delimitación recorre aos lindes parroquiais, empréganse os procedentes dos datos xeográficos da Xunta de Galicia, que se adoptan moi puntualmente en situacións nas que fixar o límite cos métodos anteriores produciría distorsións na continuidade do ámbito delimitado.

Finalmente emprégase o criterio da visibilidade en situacións singulares, como no caso da parroquia veciña dos Peares, a de Beacán (Santa María), na que se leva o límite do BIC considerando zonas visibles dende o miradoiro principal desta zona, O Torrón, e adaptándose ao viario e parcelario.