Inscrición e pé de altar de San Pedro de Rocas

A inscrición está realizada con sumo detalle e perfección nunha peza de granito de 48x82x12cm, co texto inciso a bisel que di: HEREDITAS : N (ostrorum) / EVFRAXI: EVSANI / QVINEdI: EATI: FLAVI / RVVE : ERA : dª C. X A I:”, que podería traducirse por: "isto que estades a contemplar é herdanza de todos nós, é dicir, de Eufrasio, Eusano, Quinedo, Eato, Flavio y Rvve (e consagrado na) Era (hispánica) de 611 (ano 573)" e que é interpretada como acta fundacional do mosteiro antes da anexión do reino suevo ao reino visigodo.

Estaba localizada na nave da Epístola en San Pedro de Rocas, e foi traslada xunto co soporte do altar ao Museo Provincial de Ourense en 1970. Ten unha decoración perimetral e central dun cordón rematado nunha cruz episcopal que divide os campos do texto.

A peza presenta unha quebradura no lado superior dereito e unha quebradura no lado superior esquerdo. Destca como obra tanto pola perfección do tallado como pola disposición do texto, a súa distribución e a calidade da letra e a redacción. Ao contrario do habitual, carece case por completo de abreviaturas.

No seu estudo propuxéronse varios dilemas, tanto da autenticidade, da propiedade da adscrición ao templo como mesmo da lectura da data fundacional. Podería tratarse se cadra, por determinados aspectos, dunha transcripción alto medieval, pero dende logo os rasgos dos tipos son claramente visigóticos e a opinión xeneralizada á da súa pertenza á época datada (573). O que semella clara é que a peza presenta o feito dunha transición da vida anacoreta á vida cenobítica cunha testemuña que debe ser combinada coa presenza, tamén intrigante, dun pé de altar de clara decoración mozárabe.

Estímase que dende a orixe ou regulación precaria dunha serie de anacoretas, estaría en uso cenobítico ata as incursión árabes a comezos do século VIII, ata a súa restauración a finais do século IX por un tal Gemondo, que o volvería descubrir cheo de maleza, cando perseguía un venado e que, pola beleza e apartado do lugar, sería aliciente abondo para promover nel o sentimento de dedicar a el a súa vida como anacoreta.

O pé de altar é un pilar prismático de granito de 43x41x77cm , existindo un semellante en Santa Comba de Bande, aínda que este de mármore, probablemente tomando como referencia as aras romanas. Está decorado nas catro caras por arco de ferradura sobre columniñas sogueadas e outro cordón rodea a parte baixa da peza. Nun lateral está inscrito un crismón estilizado.

Esta decoración que se asume normalmente como mozárabe é habitual nas estelas romanas do noroeste da Península, polo que tamén sería adscribilible artisticamente ao momento fundacional do mosteiro rupestre. En calquera caso a peza tivo claramente unha función de altar de culto e a súa decoración resulta testemuño inequívoco da súa relación cun momento moi incial do culto cristano ligado á convivencia dunha cultural galaico-romana.