Igrexa de Santa María de Temes (Carballedo)

A igrexa de Santa María de Temes atópase nas proximidades dunha vía romana que unía Aquis Flavia (Chaves) con Lugo, a través de Esgos, pasando por San Pedro de Rocas, Pereiro de Aguiar ou Luíntra para cruzar o Miño por os Peares e pasar por Temes. Desa época atopouse un ara dedicada aos Lares Viales.

A orixe desta igrexa está nun eremitorio da época alto medieval que se construíu neste territorio nunha data temperá, como se desprende dalgúns elementos arquitectónicos que se conservan da época tardo imperial romana. Concretamente tres capiteis embutidos nos muros que coroan dúas pilastras, así como unha columna que sirve de base á pila bautismal ou unha pilastra e dous capiteis que se aproveitaron para a mesa do altar. Todas estas pezas son de mármore cipollino, que se extraía dunhas canteiras que había na illa grega de Eubea.

Asemade sobre o arco triunfal da capela maior se conserva a tapa dun sartego palecristiano de época de Constantino que presenta unha decoración escultórica na que se narra o tema da Epifanía, do Pecado Orixinal e a Historia de Xonás. Dado que a temática é explicitamente cristiá este sartego tivo que tallarse tras o Edicto de Milán do 313, por iso e posible datalo entre o 315 e 325. O material empregado foi o mármore das canteiras grego do Pentélico.

Todas estas pezas tardo-imperiais chegaron a Temes dende Roma por mar, aproveitando as rutas comerciais do Mediterráneo e o Atlántico e a ruta fluvial do Miño ata o porto “Polumbario” no que se descargaron e trasladáronse a Temes.

Outro elemento de gran interese é a inscrición que se conserva na parte alta do muro norte do presbiterio na que pode lerse en letras capitais romanas FIDES SPES CARITAS (Fe, Esperanza e Caridade) que é considerada a primeira inscrición cristiá de Galicia, polo tanto supón que as primeiras testemuñas da nova relixión apareceron na Ribeira Sacra.

Na igrexa actual foron aproveitados materiais de construcións anteriores que remite á existencia dun templo que foi fundado a principios do século IX, no momento da repoboación deste territorio impulsada por Alfonso II O Casto. Esta afirmación baséase na existencia dunha inscrición no muro norte da nave na que pode lerse: SACRATIO TEMPLI KL/ DCBS IN ERA DCCC/ (X) L (A) (I) II: “A consagración do templo foi dous días antes das kalendas de decembro da era 843, ano 80”. Da época medieval consérvase o arco de acceso ao presbiterio e parte dos muros, pero en 1776 a igrexa foi reconstruída e nos primeiros anos do século XX ampliouse tres metros a nave e levantouse unha nova fachada. Na actualidade o seu estado de conservación é bo.