Igrexa de Santa María de Seteventos (O Saviñao)

A igrexa de Santa María de Seteventos é un exemplo dun templo románico rural galego de finais do século XII e principios do XIII, aínda que a súa orixe, como moitas das igrexas desta zona, estaría no monacato de tradición visigoda que se mantivo nos vales do Miño e do Sil durante toda a Alta Idade Media, xa que as novas máis antigas datan do ano 976 e vinculan esta fundación ao mosteiro de Diomondi.

A igrexa é de planta rectangular cunha nave única con cuberta de madeira e cabeceira recta, como é habitual en templos vinculados á repoboación asturiana. Conserva da época románica o arco triunfal sobre columnas rematadas en capiteis historiados e unha decoración de axadrezado ao redor das dovelas. Da mesma época é a portada que presenta dúas parellas de columnas con capiteis decorados con motivos vexetais moi erosionados e as tres arquivoltas decoradas con bolas que enmarcan o dintel. Sobre a portada disponse a espadaña que é unha adición posterior. No lado meridional do templo consérvanse os modillón medievais que non presentan decoración.

A singularidade da igrexa de Santa María de Seteventos está no excelente conxunto de pinturas murais do século XVI que decoran o arco triunfal de acceso á capela maior, no que se representan a Anunciación, no trasdos do arco, e o Xuizo Final baseado no relato apocalíptico de San Xoán, completado co tema do Calvario o dos mártires, entre os que se representa a Santa Catalina. Tanto o estado de conservación da igrexa como das pinturas murais é bo e foron restaurados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.