A igrexa e a casa reitoral de San Vicente de Pombeiro representan a pervivencia dun dos mosteiros máis importantes da Ribeira Sacra na época medieval, que tras a reforma dos Reis Católicos pasou a converterse nun priorado dependente de Santo Estevo de Ribas de Sil. Como moitos dos templos desta zona, tivo as súas orixes na Alta Idade Media, cando os anacoretas poboaron estas terras. Proba da ocupación do territorio son os sepulcros antropomorfos escavados na rocha que se conservan nas proximidades da igrexa. Está documentada a súa existencia desde o primeiro terzo do século X como un mosteiro dúplice vinculado aos conde Suario Gutiérrez e Guntroda, pero foi en tempos da reina Urraca de Castela e Raimundo de Borgoña, no século XII, cando San Vicente foi anexionado á abadía borgoñona de Cluny como priorado, sendo unha das dúas casas que esta orde tivo na Ribeira Sacra.
En tempos da reforma do século XV, concretamente no ano 1508, pasou a depender do mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil como priorado. Aínda que coa construción do encoro de Santo Estevo o nivel das augas subiu e alterouse a fisionomía do val, San Vicente seguiu dominando a canón, do mesmo xeito que Santo Estevo e Santa Cristina de Ribas de Sil ou Santo Estevo de Ribas de Miño. A súa presencia simboliza e evidencia a colonización que os monxes tiveron no territorio.
A igrexa é unha das xoias do románico en Galicia. Data do último terzo do século XII e a primeira metade do XIII. Ten planta basilical de tres naves e cabeceira tripla, composta por tres ábsidas semicirculares ao exterior e poligonais ao interior. Da fábrica románica conserva a cabeceira e parte dos muros perimetrais das naves, tanto ao interior como ao exterior, pero é posible que cando no século XVI se realizaron as pinturas murais, que decoran o interior do templo, se alterara o sistema dos pilares que separan a nave maior das laterais, xa que os actuais non son da fábrica románica. É posible que esta igrexa fora concibida para ser toda ela abovedada, porque a articulación do muro é similar á de Santo Estevo de Ribas de Sil. Do conxunto destaca a cabeceira pola súa monumentalidade, o equilibrio das súas proporcións e a riqueza ornamental do alzado, asemade as portadas norte e sur, constitúen dous dos exemplos sobresaíntes da arquitectura do románico da Ribeira Sacra, que falan do tránsito das formas cara o século XIII, onde non faltan as referencias simbólicas ao pan e ao viño, como alimento eucarístico, ou á palmeira, símbolo do martirio e da inmortalidade.
A fachada principal, aínda que modificada, conserva a portada entre dous contrafortes, coas súas columnas con capiteis de decoración fitomórfica e arquivoltas apuntadas con motivos xeométricos e florais, todas elas con formas estilizadas e elegante traza, así coma o tornachoivas que combina as rosetas cos trisqueles ou discos solares e as cabezas humanas nas ménsulas. No ángulo suroeste se conserva o resto do arranque da torre.
No interior San Vicente de Pombeiro atesoura elementos moi destacados como o conxunto de retablos, especialmente o maior de principios do século XVIII, vinculado co taller de Francisco Castro Canseco, e o ciclo de pinturas murais que se descubriron no 1996 e restauradas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nas que se representan a Santa Cena, as lamentacións sobre Cristo Morto, o Xuízo Final, así como outras escenas como o Nacemento de Cristo ou Santa Ana.
O conxunto complétase coa casa reitoral, unha construción nobre do século XVIII, que segundo a inscrición que coroa o dintel do montante do balcón que preside a fachada, foi erixida entre 1766-1784, é dicir cando Pombeiro dependía do próximo mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. Trátase unha edificación, exenta de cantería de granito que consta de soto (adega), baixo e unha altura, que responde a tipoloxía de pazo galego, cunha portada de formas sinxelas cun arco adintelado coroada polo balcón voado sobre o que se dispón o escudo do prior que impulsou a reforma. Na fachada, como único elemento decorativo, cun marcado carácter plástico, destaca as guarnicións dos vanos co montante característico do terceiro cuarto do século XVIII. O estado de conservación tanto da igrexa como o da casa reitoral é bo.