Festas de fachas e fachós

As festas de fachas e fachós son actos festivos realizados polo conxunto dos veciños, que na véspera dunha celebración, normalmente relixiosa, xuntan elementos previamente preparados ao longo de días ou semanas, de material vexetal, palla, herbáceas ou madeira, segundo o caso, para portalas ardendo e logo queimalas nun lugar significativo, festexando con música e baile contra a noite e ata que o lume apaga. As comunidades locais asumen que son festas de antigo, e están asociadas a lugares relevantes da súa xeografía próxima, en concreto os castros ou o Castelo, os lugares máis elevados e visibles dende o arredor. Trátase de celebracións festivas multitudinarias coa participación de todos os membros das familias e abertas ás parroquias da contorna. As festas ou folións terían na súa orixe unha clara relación co sol e coas colleitas, e as fachas e fachós prendidos terían unha natureza propiciatoria do sol, que é o seu sustento. Festas relacionadas coa queima de fachas teñen sido declaradas do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco, como as Fallas do Pirineos.

A Festa dos fachós de Castro Caldelas realízase o 19 de xaneiro, que é a véspera da onomástica do patrón, San Sebastián. Tense asociado este rito a unha devoción penitencial relacionada coa peste, como agradecemento ao patrón da vila na súa intercesión ante a ameaza da morte, ou cun episodio máis pragmático no que se terían queimado os lugares apestados. Existe documentación con referencia a esta festa en 1763, momento no que a enfermidade tivo unha grande incidencia na vila.

As familias levan os seus fachós polas rúas da vila, no contorno da Igrexa dos Remedios e do Castelo, tradicionalmente elaborados de palla de centeo. Algún fachón alcanza mesmo os 30 metros de longo e ten que ser levado por moitas persoas. Outros son de menor tamaño, tamén individuais, e acéndense en procesión que se acompaña a devoción a San Sebastián cunha festa á noite, con viño e chourizo. A particularidade do fachón e o seu tamaño é comparado entre os portadores. Finalmente os fachós tíranse a unha cacharela na que acaban de arder en conxunto. Os fachós elaborábanse previamente nos palleiros propios, mais o abandono do cultivo influíu no esmorecemento da tradición.

Nos últimos anos, promovida polo propio concello de Castro Caldelas, estanse realizando medidas de salvagarda que redundan nunha celebración con disposición axeitada do material para que os veciños poidan portar fachós bens feitos.

As celebracións acompañadas de fachas ou fachós nas vésperas de actos festivos, como unha celebración comunitaria, están presentes tamén noutros lugares da Ribeira Sacra, en especial o Folión de fachas de Vilelos (O Saviñao) ou a Queima das fachas de Castelo (Taboada).

O Folión de Vilelos consiste nunha procesión nocturna da xente da parroquia ao Castro da Besta, con fachas feitas de abrótegas ou agucios secos recollidos durante o verán, e úsanse na véspera das festas de setembro  para iluminar o camiño e festexar con elas acesas. Non todas as fachas poden subir ao castro, pola súa lonxitude, polo que rematan por queimarse ao seu pé, en cacharelas conxuntas, onde se festexa con música e baile. Na actualidade está promovida pola Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos.

A Queima de Castelo tamén se celebra cara o final do verán, neste caso festa de véspera de Santa María, e tamén se sube a un castro, o de Castelo, no que se dispoñen grandes fachas fincadas formando un amplo círculo. As fachas son elaboradas nas casas con madeiras e agucios, e se suben o mesmo día, no que o traballo de poñelas en vertical é un dous meirandes retos, dada a súa altura duns 9 m, e a súa forma afusada, máis grosa polo medio. Os agucios dan un lume moi vivo e procúrase que ardan o meirande tempo posible. Na actualidade a Queima está promovida pola Asociación Cultural As Fachas.