Festas do Entroido

O carnaval, ou o antroido, entrado, introito, entrudio, etc. ten sido declarado manifestación representativa do patrimonio cultural inmaterial de España polo Real Decreto 383/2017, de 8 de abril, ao abeiro do disposto na Lei 10/2015, do 26 de maio, para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, por ser unha das manifestacións máis emblemáticas, vivas e representadas en todo o territorio nacional.

A súa orixe é moi antiga e ten recibido moitas achegas culturais ao longo do tempo, en especial de cerimonias do inverno e propiciadoras da primavera. Polo seu carácter catártico e libertario, ten sido condenada e prohibida en ocasións.

Son festividades nas que os roles persoais transfórmanse ou esaxéranse e que se celebran en comunidade, nos espazos públicos, coa participación, activa ou pasiva, mesmo involuntaria, de todos os veciños. Os seus aspectos lúdicos e pícaros se antepoñen, no ciclo relixioso, a un período de penitencia e devoción, mais nos seus aspectos máis universais, a celebración do remate do inverno e a promesa da primavera estarían en relación coa futura fertilidade.

Todos eses aspectos se manteñen en común nas festas de carnaval, pero na Ribeira Sacra esta manifestación acada rangos distintivos e de singularidade que cómpre recoñecer, xa que é unha das festas que con máis incidencia redundan na formación dun carácter propio, sobre todo na actualidade na que o Entroido é unha cerimonia que perdeu a súa significación en relación cos ritos agrarios e que foi recuperada e mantida como reforzo da identidade ameazada de desaparición.

O Entroido Ribeirao celébrase principalmente na parroquia de Santiago de Arriba do termo municipal de Chantada, pero tradicionalmente tamén en Vilaúxe, Camporramiro, Nogueira ou Vilar. A súa decadencia se produce polos procesos de migración e despoboamento da zona, principalmente no último cuarto do século XX, ata o novo pulo dinamizador construído polos propios veciños e os seus testemuños e experiencias. O lugar de celebración é o Campo de Moredo, aínda que tradicionalmente adoitaban producirse encontros e mesmo liortas cos doutras parroquias. Os días de maior relevancia son os tres domingos (Corredoiro, Lambedoiro e de Entroido) e o martes de Entroido, pero os traballos preparativos tiñan que facerse con moita antelación, cada un traballando nunha parte do necesario, nas cintas, nos puchos, nas caraútas ou mesmo para preparar as campás para o seu sonido.

O personaxe máis característico e o volante, ataviados con roupa branca e un par de cintos de coiro sobre unha faixa de cor na que penduran campaíñas. Tamén levan panos estampados sobre os ombreiros e na actualidade pantalóns de cores. Os volantes pintaban a cara de negro ou usaban unha careta ou caraúta aberta para poder respirar, e portaban un caxato grande con fintas de cores. O volante fai soar as campás e bailar as cintas de cores no ar, e de cando en cando pasea o pucho.

Os puchos son outro dos elementos máis característicos do Entroido Ribeirao. Eran aparatosos sombreiros feitos en orixe cunha estrutura de verza seca, flores de rama de millo e fintas de palla, que na actualidade adquiriron unha meirande vistosidade e cor, ao realizarse con cartón e papel e centos de fintas de moitas cores sobre unha estrutura de arame e vimbio.

Estes puchos alcanzan unha grande altura e un peso de trinta quilos. No seu cumio dispóñense dúas bonecas, unha mirando para diante e outra para atrás, así como cinco penachos que sobresaen máis. Polo seu peso os volantes fan quendas para levar o pucho, que é un xeito de paso procesional irreverente.

As máscaras ou caraútas son pezas moi rústicas, feitas de capas de papel endurecido no forno cunha masa de fariña e coa forma dun molde de madeira. Ábrenselle os ollos e a boca cun ferro e remátase con sema de ovo polo exterior. Non require de máis decoración.

No Entroido Ribeirao tamén participan os peliqueiros ou maragatos, que sobre a roupa vella ou de traballo poñen pelicas de ovella ou de cabra, suxeita cun cinto do que colga unha campá. A cara lévana cuberta cunha pelica u cunha máscara grotesca e sobre a cabeza o cranio e os cornos dun animal, polo que o seu aspecto contrasta coa cor e tecido delicado do volante. A súa función é abrirlles o paso a estes no seu baile, para o que se axudan dun pau ou látego.

Outros personaxes deste Entroido son os corozeiros (que visten a tradicional coroza de palla coa capucha) e os mecos, que fan burla e esaxeración dos comportamentos máis cotiás, os oficios ou as relacións persoais, nas que se desenvolve o enxeño, a picaresca, a lascivia e se poñen en común os feitos máis relevantes das pequenas historias persoais recentes.

O Entroido practícase hoxe como unha exhibición do baile, dos traxes e máscaras e destas representacións satíricas. A festa remata coa fuxida do Entroido, que é un volante que marcha, acompañados de mecos que choran e berran. Na actualidade mantense a tradición a través da Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao que xunta a mulleres, homes e cativos, que procuran participen tanto dos festexos como da preparación previa, con certa liberdade para as innovacións.

No ámbito da Ribeira Sacra, aínda que non nas encostas dunha parroquia de ribeira senón dunha localizada no encontro do val alto coas montañas do Courel, e moi próximo ao canón do río Lor, na aldea de Salcedo, mantense outro Entroido de características singulares, no que destacan os personaxes do Oso e dos seus servos. Durante as festas do Entroido de Salcedo madamas, mulleres que visten de branco e levan na cabeza sombreiros de flores e cintas de papel de cores, e danzantes, homes que visten de negro cunha máscara branca, remedan o baile de parellas ricas. Tamén se realizan representacións paródicas de acontecementos domésticos e familiares e cantigas.

O día do Oso

O día do Oso é o luns de Entroido. Ese día, fuxido ou levado polos servos, chega o Oso por algún lugar dos rueiros da aldea, vestido de peles de ovella e unha máscara de coiro co aspecto do animal. O Oso leva unhas cinchas con campás colgando da cintura.

O lugar da súa aparición non o coñecen os veciños, aínda que algo antes o precede o Osiño e os seus criados pequenos. O Oso anda pola vila polo medio da xente, métese a facer algún balbordo e coa axuda dos criados, envoltos en peles e trapos pardos, armados cunha vara e un caldeiro onde levan o sarrio (mestura graxa de cinza), tizna a cara e, se lle cadra, o peito e o bandullo da xente, tirados sobre o chan.

Fronte a outras tradicións no mundo que tamén celebran a chegada do oso, como o acordar do letargo do inverno, aquí o oso é o señor, non hai cazador nin se lle busca a morte, senón que o Oso marcha cando acaba a súa faena e a festa segue. Na actualidade a cerimonia festiva é sostida pola Asociación de Veciños de Salcedo, que procuran o recoñecemento da súa singular tradición.

Cómpre destacar tamén na Ribeira se Ourense á figura dos Felos de Esgos, aínda que con este nome se coñecen tamén nalgunhas zonas próximas, como Maceda ou Maside. Os felos visten roupa branca e enaguas con cintas de cores cosidas, tanto nos xeonllos como da cintura e do colo, acompañado de panos estampados sobre os ombreiros e mesmo atados ao pescozo ou cunha gravata rechamante. O traxe branco de base complétase cos adobíos descritos e cun cinto con esquilóns.

O aspecto diferencial está no uso de máscaras de papel, a xeito de grande cilindro no que se mete a cabeza, que ten unha decoración libre e persoal. Andan ás carreiras cos caxatos na man, e visten botas altas que na actualidade adoitan ser de goma para a auga.

Os felos nos seus folións do Entroido van acompañados de madamas¸ que personifican mozas finas e ben vestidas, así como enanos, vestidos con roupas frouxas e recheas de palla para avultar, así como remedos de bestas e burros feitos de pelicas e ramas. Entre os ritos deste Entroido recuperouse a práctica de poñer a cuaresma, que consistía en levar un boneco de palla á porta dunha casa, o que implicaba ser o obxecto da burla de todos os veciños. Dende época recente a Asociación Cultural-Etnográfica Felos e Madamas de Esgos mantén a tradición.

A provocación e as burlas enxeñosas e mesmo groseiras son habituais en todas as festas de Entroido. En xeral as celebracións do Entroido da Ribeira Sacra son das máis descoñecidas, e neste século XXI teñen as comunidades locais teñen realizado medidas de salvagarda propias, como un esforzo de reafirmación e recoñecemento identitario.