A fábrica da luz do río Mao (Parada de Sil)

A fábrica da luz do río Mao, no concello de Parada de Sil, identíficase no conxunto da Ribeira Sacra como un lugar de valor etnolóxico tanto polo que representan os seus elementos patrimoniais destacados dentro da arquitectura industrial vinculada ao aproveitamento da forza da auga para a produción de enerxía eléctrica, como polo proceso de incorporación das infraesrtruturas polas comunidades locais para un uso destinado precisamente á relación co lugar, coa natureza e cos valores culturais do seu contorno. O río Mao, tralo encoro de Leboreiro, forma un canón encaixado ata a desembocadura no Sil, en Barxacova. A Fábrica da Luz construíuse no ano 1914 e inicialmente chamouse La Gallega, pasando posteriormente a Unión Fenosa. Esta construción remite a un tempo moi inicial na explotación enerxética do potencial das augas da Ribeira Sacra. Dese pasado consérvase o chamado canle vello, os tubos e parte da maquinaria.

O desenvolvemento tecnolóxico deixou obsoleta toda esta estrutura ao construírse os novos encoros e centrais, polo tanto a Fábrica da Luz perdeu a súa función industrial, pero pasou a converterse nun elemento patrimonializado polo pobo de Parada, que o rehabilitou para o seu uso e dinamización local. Hoxe depende do concello de Parada de Sil e é un establecemento hoteleiro e lugar de ocio e de lecer, que funciona de xeito complementario coas pasarelas do río Mao, obra da arquitecta Isabel Aguirre, e das rutas de sendeirismo, polo que é un lugar óptimo para contemplar os canóns da Ribeira Sacra e apreciar a harmonía entre a natureza e a obra humana tanto nos seus aspectos tradicionais coma tecnolóxicos.