Evento: Sons Improbábeis
Sons Improbábeis
Sons improbábeis explora as diferentes dimensións do son dentro das artes visuais. Dunha parte, trátase de recoller diferentes mostras da chamada arte sonora, expresión cada vez máis presente dentro do traballo dos artistas contemporáneos, ao tempo que busca tamén adentrarse na investigación da presenza do son e do musical como parte integrante ou como tema de obras executadas dende a combinación de medios. Así, linguaxes como o audiovisual ou a instalación, que integran o son como parte fundamental dos seus desenvolvementos. Por outra banda Sons improbábeis tamén quere visitar obras de artistas que traballan co musical como tema dende disciplinas máis tradicionais da práctica artística como a pintura ou a escultura.
Para trazar a estrutura deste exposición, considéranse tres eixos temáticos: un primeiro relativo á arte sonora, no que se integran traballos de artistas que parten do son como materia prima esencial dende a que construír a obra; un segundo eixo adicado á relación da obra artística co universo da chamada música culta nos seus desenvolvementos clásicos e contemporáneos, así como na relación cos seus espazos de escoita ou os seus sistemas de notación; por último, unha parte da mostra estará adicada á relación establecida entre a arte visual e a música pop e todo o universo de imaxinería que rodea a estas prácticas musicais na actualidade.
Máis eventos de tipo Concerto