Evento: Solovki_Juan Manuel Castro Prieto e Rafael Trapiello
Solovki_Juan Manuel Castro Prieto e Rafael Trapiello
Solovki é como se coñecen comunmente en Rusia as illas do arquipélago Solovetsky, na metade do mar Branco. Na zona máis protexida da illa principal, á beira dun porto natural, atópase o complexo ortodoxo do mosteiro Solovetsky, patrimonio da humanidade. Pero Solovki, ademais, foi prisión soviética. Hoxe en día, todo o mundo, habitantes, monxes e autoridades, tratan de enterrar este tráxico pasado. No entanto, os lugares teñen memoria e esa memoria queda impresa nas vidas das persoas que os habitan.
Juan Manuel Castro Prieto e Rafael Trapiello quixeron explorar visualmente ese territorio para buscar a relación entre inferno e paraíso que o define. Utilizando unha estratexia narrativa máis próxima á poesía que ao documental, en todas as súas imaxes está presente a estraña tensión que existe entre a espiritualidade e a beleza da contorna e o terrible pasado que soportan as illas sobre as súas costas.
A exposición está dividida en catro grandes bloques temáticos. En primeiro lugar, exhíbense o mosteiro e os monxes, que representan o hermetismo e o poder. En segundo lugar, despréganse unha serie de retratos da xente común que habita Solovki. Ningún deles coñeceu as illas cando eran o escenario da prisión soviética. En terceiro lugar, aténdese á vida cotiá nela, aos nenos e os seus xogos, á escola, as casas e as rúas da localidade, estampas á vez costumistas e exóticas. E, por último, exponse unha aproximación ás pegadas emocionais que o gulag deixou no territorio. Completa a exposición unha selección de copias extraídas do arquivo gráfico de Yuri Brodsky, historiador considerado como o maior experto sobre Solovki na época do gulag, e un vídeo con material fílmico obtido da película Solovki, de 1928 (Alica Ventura, comisaria)
Máis eventos de tipo Exposición