Evento: Carvalho Calero. A voz presente
Carvalho Calero. A voz presente
“A voz presente”, lema da exposición, dá sentido a unha mostra na que a palabra de Carvalho ten todo o protagonismo. A través da súa propia voz, dos seus escritos e das entrevistas concedidas, a presenza do autor materialízase en cada un dos espazos que conforman a exposición, comisariada por José Luis Rodríguez e Carlos Quiroga. Así, o relato expositivo vén guiado sempre polas palabras “literais” do autor e os textos son extractos da súa obra ou das súas intervencións, respectando en todo momento a opción ortográfica escollida por el.
A exposición percorre a dimensión artística, humana e lingüística do autor e pon en valor a súa figura e o seu legado.
Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 - Santiago de Compostela, 1990)
Escritor, historiador da literatura, crítico literario, lingüista e filólogo. É o autor homenaxeado pola Real Academia Galega que lle adica o día das Letras Galegas 2020.
Licenciado en Dereito e en Filosofía e Letras, converteuse no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Letras pola Universidade Central de Madridé Foi Secretario do Seminario de Estudos Galegos, cofundador do Partido Galeguista e colaborou na redacción do anteproxecto de Estatuto de Autonomía para Galicia.
Membro numerario da Real Academia Galega. A partir da década dos 70 converteuse nun ferreo defensor das teses reintegracionistas, ás que consideraba vía fundamental para a normalización da lingua galega. Teorías das que deixou constancia nas súas obras: Problemas da lingua galega (1981), Da fala e da escrita (1983) e Do galego e da Galiza (1990).
Entre as súas múltiples publicacións destacan os seus estudos literarios. A súa fundamental Historia da literatura contemporánea galega (1963) constitúe unha sistematización da nosa historia literaria na que senta as bases para posteriores investigacións así como a Gramática elemental del gallego común (1966), manual de referencia para as primeiras xeracións de estudantes de lingua galega ou os seus Estudios Rosalianos (1979) dedicados á análise da lingua e da obra literaria de Rosalía de Castro.
Máis eventos de tipo Exposición