Evento: Exposición Mar de libros
Exposición Mar de libros
Este proxecto en homenaxe á Xeración Nós, con motivo do seu centenario, en 2020, estará exposto do 15 de outubro ao 6 de decembro no Museo do Pobo Galego, un espazo axeitado para lle render homenaxe ao libro, á lingua e á literatura galega.
A exposición concédelle un protagonismo especial á pintura, cunha selección de obras onde o libro é o protagonista. Os cadros forman parte dos fondos da artista, de coleccións particulares de Galicia, Madrid e Portugal, entre outras procedencias.
Contará cunha sección de libros intervidos. A intervención plástica arredor do libro enténdese como unha combinación entre pintura e literatura; un diálogo entre o escritor e a artista que se enriquece coa suma das partes, de xeito que cada un dos exemplares intervidos convértense en pezas artísticas únicas, ligadas ás propias composicións poéticas e literarias.
Outra das partes da exposición é a referida aos libros de artista, exemplares únicos que manteñen unha interconexión co resto dos exemplares intervidos.
Isabel Pintado Palacio é licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Reside en Galicia desde o ano 1991. Foi profesora de Debuxo no INB Gregorio Marañón de Madrid, de Expresión Gráfica no Centro Español de Novas Profesións e de Talleres de Arte na Escola Ocupacional da Universidade da Coruña. Impartiu cursos de arte na Universidade Internacional Menéndez Pelayo, na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, no Museo de Arte Contemporánea Unión-Fenosa (MACUF) e no Museo de Belas Artes da Coruña. Así mesmo, realiza talleres de pintura en seda, gravado calcográfico, técnicas aditivas e libros de artista.
Máis eventos de tipo Exposición