Evento: Mes da Historia Negra
Mes da Historia Negra
O Mes da Historia Negra – Black History Month – é unha conmemoración anual para homenaxear ás persoas afrodescendentes que, aínda hoxe, sofren o racismo institucional e cotián que impera nalgunhas sociedades desenvolvidas.
A orixe desta iniciativa remóntase ao 1926, cando Carter G. Woodson instituíu nos EEUU a Semana da Historia dos Negros. Elixiuse a segunda semana de febreiro coincidindo cos aniversarios do presidente Abraham Lincoln e do abolicionista Frederick Douglass. A partir de 1976, a semana inicial ampliouse a todo un mes.
Na actualidade, o Mes da Historia Negra conmemórase de maneira oficial en Canadá e Estados Unidos en febreiro e en Irlanda, os Países Baixos e o Reino Unido en outubro.
Na biblioteca participamos desta conmemoración coa intención de fomentar a lectura e o coñecemento da literatura afroamericana, así como para amosar o noso apoio e solidariedade a todas as vítimas do racismo.
Precisamente neste contexto actual, no que continuamos convivindo case diariamente con desconsoladoras imaxes de discriminación racial, esta mostra bibliográfica pretende contribuír a ampliar os horizontes dos lectores e lectoras, achegándolles a literatura desta minoría cultural co propósito de que a súa experiencia constitúa así mesmo un acto de protesta activa, unha mensaxe de solidariedade e un acto de comprensión cara a todas estas voces tantas veces silenciadas.
Durante os meses de outubro e novembro, convidámoste a que participes desta iniciativa lectora con nós!
Como participar?
Le unha obra dunha autora ou autor afroamericano, podes revisar as nosas recomendacións!
Deixa un comentario/ resumo/ valoración no teu blog, Instagram, Twitter ou Facebook.
Lembra incluír os hashtags #MesdaHistoriaNegra e #BlackHistoryMonth e o perfil da biblioteca @bpsanxelcasal para que poidamos velo e compartilo!
A mostra pode visitarse no 2º andar da biblioteca, durante o horario de apertura.
Máis eventos de tipo Exposición