Evento: Concertos 'Mércores de varanda' no Salón Teatro
Concertos 'Mércores de varanda' no Salón Teatro
O Centro Dramático Galego (CDG) retoma a actividade pública do Salón Teatro co programa musical 'Mércores de varanda', que ofrecerá oito concertos de artistas e grupos galegos entre setembro e outubro para conmemorar o centenario da inauguración deste edificio da rúa Nova compostelá, onde a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia ten a súa sede desde 1999.
Todos os concertos terán lugar ás 20.30h e a entrada será gratuíta, previa retirada no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do inicio das actuacións e ata completar a capacidade, que nestes momentos está restrinxida a 60 persoas de acordo coas medidas de control sanitario vixentes na cidade.
Programa
O gaiteiro Anxo Lorenzo será o encargado de abrir o mércores 9 o cartel. As seguintes citas do mes de setembro serán as protagonizadas por Hugo Franco e Claudia Abril (día 16), Emilio Rúa (día 23) e Xoán Curiel (día 30).
Xa no mes de outubro, será a quenda de Susana Seivane (día 7), Sés (día 14), Dequenvessendo (día 21) e Sofía Espiñeira (28 de outubro).
Seis dos devanditos intérpretes chegarán a Santiago a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, unha das novas iniciativas postas en marcha este ano pola Xunta a través do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19, mentres que Hugo Franco e Sofía Espiñeira forman parte deste cartel como artistas convidados do corworking de emprendemento musical organizado en Padrón pola Fundación Paideia e a Escola de Organización Industrial (EOI).
Máis eventos de tipo Concerto