Evento: Servizo de asesoramento para empresas e profesionais culturais
Servizo de asesoramento para empresas e profesionais culturais
A Xunta de Galicia, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, pon en marcha un Servizo de asesoramento dirixido a empresas e profesionais culturais no marco do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19. Terá como obxectivo dar resposta a todo tipo de dúbidas de carácter laboral, fiscal e mercantil relacionadas coas medidas postas en marcha para paliar as consecuencias económicas da COVID-19, asesorando sobre as diferentes liñas de axudas ás que poden optar as empresas e profesionais do sector cultural, así como outras dúbidas sobre cuestións como ERTEs, prestación por cese de actividade, plan de desescalada, moratorias nas cotizacións á Seguridade Social, aprazamentos de impostos, etc.
A partir do 25 de maio pódese acceder ao servizo de asesoramento en liña, ou de forma presencial no Museo Centro Gaiás os mércores, xoves e venres en horario de 10 a 14 horas --a partir do 27 de maio--. Tanto para acceder ao asesoramento telemático como para pedir unha cita presencial, cómpre contactar a través do email: asesoramentocultural@cidadedacultura.org.
Entre a súa oferta de servizos inclúese o apoio a autónomos e empresas culturais na procura de financiamento, incluíndo información sobre as liñas de axudas e crédito artelladas no marco da emerxencia sanitaria e asesoramento personalizado para o acceso ás mesmas. Tamén se ofrece asesoramento na mellora da competitividade empresarial, en temas como plan de negocio e apertura de novos mercados e consultoría sobre cuestións laborais, fiscais e mercantís no contexto da COVID-19.
Ademais, as empresas e profesionais da cultura poden acceder ao servizo para informarse en materia de internacionalización, xa sexa para a elaboración dun diagnóstico e plan de acción a curto prazo, para recomendacións en prospección de novos mercados e estratexias de internacionalización, ou para acceder a asesoría en dúbidas puntuais nesta área (como aranceis, documentos aduaneiros, fiscalidade, transporte internacional, misións comerciais...).
Máis eventos de tipo Outras actividades