Evento: O rueiro das liortas
O rueiro das liortas
O espectáculo baséase na comedia da arte italiana e no teatro popular para promover, desde a óptica escénica, a reflexión sobre a situación desigual da muller na sociedade, ao tempo que se afonda nas relacións de parella e nas dificultades para manter vivo o amor. Dirixida a todos os públicos desde os oito anos de idade, esta comedia iniciática, vista desde unha óptica feminina, combina o dinamismo dos elementos escenográficos que representan diferentes espazos, un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes e unha nena que fai valer a súa verdade. Ofrece, a maiores, un espazo de reflexión conxunta das persoas asistentes á función a partir dunha conversa posterior cos actores.
O Elefante Elegante crea espectáculos de teatro visual baseados tanto no texto coma no xesto e no movemento. As súas pezas, que buscan a universalidade, xorden da fusión de diferentes linguaxes: a palabra, o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais. Desta volta, ofrécennos unha obra de coidada estética na que as emocións, os afectos, o humor e o texto van da man para achegar a cativada e a mocidade ao teatro en lingua galega e sensibilizalas en contra da violencia de xénero, os micromachismos ou os comportamentos sexistas.
O rueiro das liortas forma parte de Nós contra a violencia, un programa que combina a dinamización lingüística coa sensibilización fronte á violencia de xénero. A campaña desenvólvese no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e nela colaboran, alén do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.
Máis eventos de tipo Espectáculo