Evento: Peza do mes: Vaso cilíndrico do Castro de San Cibrao de Las

  • Portada da publicación da Peza do Mes de setembro do Museo Arqueolóxico de Ourense
  • Detalle da peza protagonista da Peza do Mes de setembro do Museo Arqueolóxico de Ourense
mércores, 11 setembro, 2019 - 20:00
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
, Ourense

Peza do mes: Vaso cilíndrico do Castro de San Cibrao de Las

Presentación pública, conferencia e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

A peza protagonista deste mes pertence aos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (nº de inventario CE005219/5).

Trátase dun vaso cilíndrico recuperado no xacemento de San Cibrao de Las (Cenlle, Ourense), na campaña de escavación de 1982 dirixida por Bieito Pérez Outeiriño, e foi atopada nun gran eixo que cruza o xacemento en sentido leste-oeste.

O vaso é de tamaño medio, dunha forma lixeiramente troncocónica e cóncava, cun diámetro do bordo (20 cm) algo maior que o da base (17 cm). O esquema decorativo é o habitual dos vasos cilíndricos, con grupos de bandas horizontais incisas, e conserva unha das asas.

É unha forma moi ligada ao xacemento de San Cibrao de Las, ao aparecer en número moi elevado nos seus contextos cerámicos, aproximadamente en torno ao cambio de era e século I avanzado.

No que respecta á súa funcionalidade, a opinión tradicional é que son vasillas que serven para conter líquidos ou semilíquidos, o que podería explicar a diversidade de tamaños que presentan.

 

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos –neste caso, dos arqueolóxicos- para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

A presentación pública e a publicación, na que mensualmente un especialista ou investigador da a coñecer a historia particular, o contexto histórico e as características formais e de estilo da peza escollida, este mes están a cargo de Alba Antía Rodríguez Nóvoa (Licenciada en Historia e Máster en Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

Castelao constructor da nación
Presentación do libro Castelao: Construtor da Nación
27 de setembro
Biblioteca Pública de Lugo
Palestra
Palestra con Don Isaac Alonso Estraviz
25 de setembro
Biblioteca Pública de Lugo