Evento: Concerto inaugural Espazos Sonoros 2019
Concerto inaugural Espazos Sonoros 2019
"Catarse" é o título do concerto que abrirá a XII edición do festival "Espazos Sonoros" o próximo 1 de setembro na igrexa de Santa Liberata en Baiona (Pontevedra).
Cantaderas é unha singular formación composta por mulleres cunha ampla traxectoria no mundo da música antiga, que nace coa vocación de poñer en conexión a música vocal da Idade Media con outras procedentes da tradición oral. Tratan así de recuperar uns repertorios que, en grande medida, caeron no esquecemento, e son agora rescatados grazas a un coidadoso estudo dos cancioneiros recollidos a finais do século XIX e comezos do XX e dos rexistros sonoros realizados a partir do primeiro terzo do século XX. O grupo combina este repertorio tradicional con outros medievais, poñendo o acento en determinadas características melódicas, rítmicas, de temperamento e de estilo, comúns a todos eles.
O repertorio escollido para o programa enmárcase nun dos períodos litúrxicos máis importantes do ano, a Semana Santa, e traslada a celebración do milagre da Resurrección, do que nace de novo á vida, a cada recuncho do cotián, a través dunha escolla de cancións populares. Así, combinaranse pezas do século XIII procedentes da chamada Escola de Nôtre Dame, con pezas pertencentes ao repertorio tradicional de Teruel, Burgos ou Salamanca, cancións litúrxicas e paralitúrxicas que eran cantadas polo pobo, creando así un novo e enriquecedor contexto musical.
Integrantes: Anne Marie Lablaude, voz e percusión Ana Arnaz, voz e percusión Araceli Fernández González, voz e percusión Paloma Gutiérrez del Arroyo, voz e percusión
Coñece máis sobre a igrexa de Santa Liberata, Baiona (Pontevedra).
Máis eventos de tipo Concerto