Evento: Homo sapiens, transmisor de coñecemento. Saberes humanos a través do patrimonio nos Institutos Históricos de Galicia.

  • Homo sapiens, transmisor de coñecemento. Exposición no MUPEGA de Santiago
venres, 18 xaneiro, 2019 a martes, 31 decembro, 2019
Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega)
, Santiago de Compostela

Homo sapiens, transmisor de coñecemento. Saberes humanos a través do patrimonio nos Institutos Históricos de Galicia.

A nova mostra no MUPEGA realiza unha viaxe na historia que gardan os Institutos Históricos de Galicia.

A nova exposición temporal busca amosar e poñer en valor os fondos histórico educativos que na actualidade se atopan nos Institutos Históricos de Galicia, dándolle maior visibilidade.

O ano 2018 foi designado como o Ano Europeo do Patrimonio Cultural pola Comisión Europea. En xaneiro dese ano, o Parlamento Europeo iniciou a proposta co obxectivo principal de valorar o patrimonio cultural e dar a coñecer a súa diversidade a todos os niveis. O Museo Pedagóxico de Galicia súmase a esta iniciativa con esta exposición temporal.

 

Tomando como fío condutor o ser humano como investigador e transmisor de coñecemento, na mostra exhíbense un total de 42 pezas de carácter científico, artístico, didáctico ou simplemente funcional con valor histórico e que, sen dúbida, forman parte do patrimonio cultural da nosa comunidade. Entre ditas pezas, atópanse aparellos para a experimentación nos laboratorios de Física e Química, láminas, caixas didácticas ou modelos anatómicos dos gabinetes de Historia Natural, ou mesmo fondos artísticos ou bibliográficos como o primeiro tomo da Encyclopédie de Diderot e D’Alembert que, por primeira vez, saen destes centros educativos para ser expostas conxuntamente. A exposición está comisariada por Antonio Cepeda.

 

Homo Sapiens, transmisor de coñecemento vai acompañado dunha programación didáctica que interesará aos docentes que queiran ampliar a visita á exposición cunha proposta de actividades para realizar na aula antes e despois da visita. As actividades están adaptadas por nivel e etapa educativa e abordan contidos relacionados cun gran número de materias debido ao carácter multidisciplinar das pezas expostas. Pinchando aquí os interesados poden consultar as citadas actividades acompañadas do marco legal correspondente, para Educación Infantil, Primaria e Secundaria.