Evento: Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE

  • MICE
martes, 26 marzo, 2019 (hora sen determinar) a domingo, 31 marzo, 2019 (hora sen determinar)
Museo do Pobo Galego
, Santiago de Compostela

Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE

Exhibición de traballos cinematográficos sobre antropoloxía e etnografía

Na súa 14ª edición, a MICE adianta as súas datas de celebración respecto a pasados anos para pasar a celebrarse no mes de marzo.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está promovida polo Museo do Pobo Galego. O Museo é unha institución sen ánimo de lucro, de traballo orientado cara aos obxectivos xerais de investigación, conservación, divulgación, defensa e promoción da cultura galega en todos os seus ámbitos desde a perspectiva da antropoloxía cultural. Neste contexto, o do campo da antropoloxía social e cultural, o modo narrativo complexo que é o cinema ten demostrado ser un excelente medio de representación capaz de capturar elementos que dificilmente poden alcanzar outras linguaxes. E isto xa o sabían persoas como Xoaquín Lorenzo, Xocas, fundador e primeiro Presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego. El, que na década dos trinta sentaba as bases da etnografía galega moderna, foi o artífice, xunto a Antonio Román, de O carro e o home, unha das películas fundacionais da cinematografía galega e que forma parte do legado que Xocas deixou ao Museo. Parecía lóxico, polo tanto, que a entidade facilitase un espazo de divulgación do cinema etnográfico, o que se fixo desde 2005 a partir dun proxecto do DEAC (Departamento de Educación e Acción Cultural) do Museo.

O evento quere dar a coñecer os traballos audiovisuais que se fan no campo da etnografía e a antropoloxía visual, concepto que nace ao redor da década dos 40. Neses anos a corrente do cine etnográfico era positivista, cun marcado carácter etnocéntrico. Vai ser a irrupción de movementos como o cinema verité ou o direct cinema estadounidense os que marcarán un camiño para salvar as limitacións narrativas no cinema etnográfico. Na actualidade as posibilidades e variedade de modalidades mediante as que se representan as culturas van desde o documental clásico expositivo ata os ensaios fílmicos máis experimentais, pasando polo cinema directo, o vídeo-diario ou as narrativas autorreflexivas. 

Máis eventos de tipo Festival

O Son do Camiño
O Son do Camiño
13 de xuño a 15 de xuño
Monte do Gozo
PortAmérica 2019
4 de xullo a 6 de xullo
Caldas de Reis