Evento: Semana Internacional de Cine Euroárabe AMAL
Semana Internacional de Cine Euroárabe AMAL
Volve a Santiago de Compostela a Semana Internacional de Cine Euroárabe AMAL, cunha dobre cita que inclúe o visionado de nove producións audiovisuais no Teatro Principal e unha mostra no hotel Eurostars Araguaney de Santiago.
Do 22 ao 26 de outubro, AMAL ofrecerá nove proxeccións, entre as que se inclúen tanto cintas de ficción como documentais. No marco deste último xénero, na sesión inaugural do ciclo estrearase Nacido en Gaza, do director arxentino Hernán Zin. Tras o filme, haberá unha charla coloquio con Ghaleb Jaber Ibrahim. Proxectaranse tamén os documentais Of Fathers and Sons, Ghost Hunting, Comandante Aryan e Los Saltadores. En canto ás ficcións, nesta edición poderase ver Sheikh Jackson, El Cairo Confidencial, Alma Mater (Insyriated) e Zagros.
A programación complétase coa mostra fotográfica Familias completas, familias incompletas, do fotógrafo Sergi Cámara. A mostra estará aberta ao público no espazo de arte da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas do 9 ao 26 de outubro. A exposición recolle unha colección de retratos de familias, ou partes de familias, chegadas á illa grega de Lesbos. O fotógrafo, Sergi Cámara, centrou parte do seu traballo nas migracións de África cara a Europa e os desprazamentos de refuxiados. Durante a actual crise de persoas refuxiadas en Europa, traballou en Grecia, Macedonia, Serbia, Hungría, Croacia e Austria.