Evento: Celebramos o día da Biblioteca

  • CARTEL Día a Biblioteca 2018
  • Biblioteca Pública da Coruña MG Garcés
luns, 15 outubro, 2018 a domingo, 28 outubro, 2018
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
, A Coruña

Celebramos o día da Biblioteca

Do 15 ao 28 de outubro

Desde 1997, cada 24 de outubro conmemórase o DÍA INTERNACIONAL DA BIBLIOTECA, unha iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, en colaboración co Ministerio de Cultura, en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante a Guerra dos Balcáns. A conmemoración naceu co obxectivo de trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.

Este ano a celebración terá lugar na biblioteca “Ramón Pérez de Ayala” (Oviedo) e contará coa participación de bibliotecarios, escritores, ilustradores, narradores de historias, editores, profesores, membros da asociación, responsables políticos e entidades que fomentan o uso das bibliotecas.

O pregón deste ano, que reproducimos a continuación, é obra do escritor Gonzalo Moure (Premio Cervantes Mozo 2017), e o cartel foi realizado polo ilustrador Alfonso Zapico, Premio Nacional de Cómic en 2012.

PREGÓN O día da luz

Veño do deserto do Sahara, de inaugurar unha biblioteca. Está en Dajla, o máis afastado, o máis esquecido dos cinco campamentos de refuxiados saharauís. É a cuarta biblioteca que construímos, e é preciosa. No centro plantamos árbores, para que os nenos e os mozos do Sahara poidan experimentar o gozo de sentar á súa sombra para ler un libro. Non queremos que esa biblioteca sexa ningún “templo de silencio”, senón máis ben un espazo para do son, para o ruído. Unha biblioteca que xa é o lugar máis fermoso do campamento. Un espazo para desexar ir buscar lectura, pero tamén amizade, soños compartidos. Mesmo amor. Un lugar no que namorarse mirando uns ollos por encima dun libro. Porque á fin e ao cabo, a biblioteca é o lugar no que se descobre ao outro, de papel ou de carne.

Nunha película inesquecible, a mellor película de ciencia ficción da historia, 2001, unha odisea do espazo, aparece un monólito cada vez que o home disponse a dar un salto cualitativo. Kubrick, o seu director, debería poñer un libro no seu lugar. Porque foron os libros os que marcaron o ritmo dos cambios do ser humano. Porque o libro é o laboratorio do home, o lugar no que se experimenta con emocións, descubrimentos, utopías, apostas. Somos o que somos porque pensamos e escribimos sobre como ser e sobre como non ser. E seremos o que pensemos, o que pensen e escriban as próximas xeracións.

Así que unha biblioteca non é só un lugar no que convidar a ler, senón tamén, ou por iso, un lugar no que convidar a escribir. As bibliotecas do século XXI son, poden ser, teñen que ser o sementeiro de novas novelas, novos monólitos, mouteiras do noso futuro. Se o século XX foi sen dúbida o século da lectura, o século XXI pode chegar a ser o século da escritura, xa o está sendo.

Por todo iso construímos bibliotecas nos campamentos do deserto. Porque non son só para os saharauís. As paga a nosa sociedade civil, mediante socios adultos, e mediante actividades solidarias en colexios, institutos e bibliotecas. E os alumnos e lectores que as sufragan fanse conscientes do extraordinario que é ter unha biblioteca, aprenden a valorar a súa, a defendela. Cada biblioteca do deserto ten detrás a miles de nenos, novos e adultos que a fixeron posible co seu pequeno esforzo. Sumando. Cada lector saharauí ten ao seu lado a miles de lectores, máis conscientes da importancia dunha biblioteca, porque co seu traballo construíuse unha, nun clima e un lugar tan hostil.

Pensa na túa biblioteca. Houbo un día no que esa biblioteca non existía. Alguén a soñou, loitou por ela, encheuna de libros e tamén de soños. Faiche do equipo dese alguén que a fixo posible, loita por un mundo no que non haxa un ser humano que non teña preto unha biblioteca, ou un amoroso bibliobús. Que non haxa un só neno, novo ou adulto, que non roce a man dunha bibliotecaria que lle aconselle, que lle oriente no labirinto. Que é o mesmo que dicir que non haxa un só ser humano conectado ao que foi, o que é e o que será.

Na túa man hai millóns de mans, estreitando a túa, acompañándoche no camiño. Tenras ou callosas, pequenas ou grandes. No libro que che espera na mesilla de noite ou xunto ao sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Pero todo preciosos. Conectados todos por un invisible fío de prata que une man con man, andel con andel, un fío inacabable e luminoso. Inacabable, e así sexa. Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir O día da Luz.

Feliz día, feliz século.

(Texto: Gonzalo Moure. Cartel: Alfonso Zapico)

Para conmemorar este día a Biblioteca programa ao longo do mes de outubro actividades especiales:

. Luns 1 de outubro. Ábrese o prazo para participar no I CONCURSO DE MICRORRELATOS DE TERROR, que convoca a Biblioteca para maiores de 14 anos. Consulta aquí as bases do Concurso

. Mércores 24, XORNADA DE PORTAS ABERTAS. Se queres coñecer mellor a Biblioteca, os seus fondos, a súa historia e as súas instalacións, ensinámoscha ás 12:00 e as 19:00 horas

   Ademais, se te ACHEGAS Á BIBLIOTECA este día, terás un premio: un libro, un marcapáxinas...

E para os máis pequenos:

. Venres 19. CONTACONTOS TEATRALIZADO EN INGLÉS, por Kids&us School of English, Natural English. Ás 19:30  h. na ludoteca da Sala Infantil. Nenos e nenas de 3 a 7 anos, e pais e nais.

. Sábado 20. DESCOBRE O MUNDO DO CUBO MÁXICO. Para todos os públicos.  Ás 12:00 horas  

. Sábado 27. BEBECONTOS teatraliazado en inglés, por Kids&us School of English, Natural EnglishNenos e nenas de 1, 2 anos e pais e nais. Ás 11:30 horas na ludoteca

. Sábado 27. A ESCOLA DE LONXETODO, pola Compañía do Trinke Trinke. Nenos e nenas de 3 a 12 anos. Ás 12:00 horas na ludoteca.

Máis eventos de tipo Outras actividades

I Semana poética Victoriano Taibo
I Semana poética Victoriano Taibo
10 de novembro a 17 de novembro
Varios espazos da vila
Táboas restauradas do Museo das Peregrinacións e de Santiago
Celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial
16 de novembro
Museo das Peregrinacións e de Santiago
Asaltos!
16 de novembro
Cidade da Cultura de Galicia
Asaltos!
17 de novembro
Cidade da Cultura de Galicia