Evento: Fíos de ouro no ar
Fíos de ouro no ar
Rodrigo Romani é un músico coñecido para o público galego e español, primordialmente entre os amantes da música de raíz, polo seu traballo como fundador do grupo Milladoiro, co que percorreu o mundo durante vinte anos, promovendo o uso do arpa céltica na música galega e colaborando con artistas e orquestras de primeira fila por todo o planeta.
Nomes como Bill Whelan (Riverdance), Liam O'Flynn, the English Chamber Orchestra, a RTE Orchestra, a Orquestra Sinfónica de Galicia , etc... reclamaron a presenza de Rodrigo Romani como solista de arpa para diferentes proxectos. Produtor, compositor, educador, director de orquestra, comunicador, Romani é tamén produtor dos primeiros traballos de artistas como Susana Seivane ou Treixadura, compositor galardoado cun Goya e un Maria Casares entre outros premios, fundador e educador na E-Trad, Escola de Música Folk e Tradicional de Vigo onde ensinou arpa, director da primeira orquestra española de folk, Sondeseu, e promotor da world music a través dos seus programas na radio pública de Galicia.
Fíos de ouro no ar, un álbum concibido para recrear un xogo sónico de luces e sombras, de penumbras estilísticas, de discursos entreverados con alusións a músicas de diversas orixes nas que a tradición oral da musica popular vertebra un produto inconfundiblemente galego.
A súa tradución ao directo dá como resultado un concerto de sonoridades delicadas ao mesmo tempo que definidamente rítmicas, evocadas pola complexidade de dúas arpas combinadas con elementos electrónicos e percusións acústicas unidas ao canto e a ocarina, na que Romani ten demostrado unha especial capacidade de interpretación .