Evento: Da avaricia, a luxuria e a morte
Da avaricia, a luxuria e a morte
En Ligazón, a avaricia é un colar que enxoia o espertar do desexo erótico máis primario e animal, pero sobre todo é un inmenso e brutal berro de reafirmación da propiedade da muller sobre o seu propio corpo. A confabulación da Raposa e a Venteira non será quen de afogar a ansia de emancipación dunha moza cos seus obxectivos perfectamente trazados. A noite, a lúa, os cans, delinean un pacto de sangue que conducirá á morte, máis tamén á liberdade. “A moza, cun aceno cruel que lle crispa os labios e lle afía os ollos, dá en se chantar as tesouras na súa man, e entramentres oprime a boca do mozo coa palma ensanguentada.”
En A rosa de papel o público asiste á agonía dunha "traviata" desesperada polo seu mal casar e contrariada porque os seus aforros serán malgastados por un mal home borracho e anarquista. “Simeón Julepe, entre labaradas, abrazado ao cadáver berra frenético. As langrás recúan, aspando os brazos. E toda a fragua adquire reflexos de incendio.”
En A cabeza do Bautista, o patriótico indiano retornado fuxindo de xustizas, despois da boa e incomprendida acción de dotar a un pobo inculto de bar e billares, reencóntrase co seu pasado encarnado no fillo da finada, que chega con intencións retortas de recuperar herdanzas e numerarios. O golpe só ten unha saída, e pasa por transportar ao forasteiro á cova. Aplícase a conseguilo con esmero a Pepona, que con esa acción quedará irremisiblemente unida ao destino do indiano. Pero no intre final todo se disloca e o que debería ser morte faise vida sen remedio. “Os seus ollos toldados, premen, ao fulgor do facón que ergue a estadea amarela de don Igi. A Pepona, desmaiada, sente que se arrefría sobre a súa boca a boca do Jándalo.”
Elenco artístico: Luma Gómez, Manuela Varela, Fernando Tato, Imma António, Miguel Pernas, Bernardo Martínez, Xan Casas e Felisa Segade