Evento: XIV Xornadas Interxeracionais Rurais
XIV Xornadas Interxeracionais Rurais
O concello de Xermade, a Asociación Veciñal de Cabreiros e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago organizan as XIV Xornadas Interxeracionais Rurais. Ao longo das catro xornadas, os asistentes poderán asistir a distintas charlas e participar en obradoiros e actividades cos que dar a coñecer elementos da cultura, historia e economía local.
A xornada do 26 de maio está dedicada á agrogandeiría, cunha charla e vídeo sobre xestión da superficie agraria de cara á prevención de lumes e coa presentación de distintas experiencias emprendedoras.
O 1 de xuño é a quenda do Obradoiro de xogos populares e tradicionais, que se desenvolverá no CEIP de Xermade.
A saúde é o eixo central da mañá do día 2 de xuño, grazas á charla sobre os estigmas sociais nas enfermidades mentais e o obradoiro de primeiros auxilios. Pola tarde hai un Laboratorio de radio, dentro do que veciños e veciñas da zona interpretan unha obra de radioteatro, O ladrón das letras grandes.
O día 9 é a entrega do IV Premio de investigación Xermade na historia. O resto do día hai charlas sobre arqueoloxía da madeira, torneado e demostracións prácticas.
As Xornadas son gratuítas e non é necesario anotarse.
Máis eventos de tipo Xornada/Congreso