Evento: Santiago. Protección e transformación da cidade
Santiago. Protección e transformación da cidade
A exposición inscríbese dentro das actividades organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria baixo o lema Somos patrimonio para contribuír á celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, tras a súa declaración polo Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea.
Con isto, o Arquivo de Galicia quere contribuír á difusión dos seus fondos e a visualizar algúns cambios experimentados na cidade de Santiago ao longo dun período de corenta anos.
O fundamento documental desta exposición está constituído polos Expedientes de autorización de concesión de licencias de obra por parte dos concellos (1944/1998) que se custodian no Arquivo de Galicia.
Estes expedientes foron producidos polas diferentes Comisións do Patrimonio Histórico- Artístico que se suceden no tempo e conteñen un gran número de fotografías que evidencian moitas das transformacións da cidade. Son estas fotografías as que constitúen o eixo do relato, centrado especialmente a partir da segunda metade da década de 1960, época na que se acelera o ritmo do crecemento urbanístico da cidade.
Xunto a estas fotografías amósanse tamén algúns planos transferidos pola Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais. Un total de 103 documentos que se complementan coa reprodución de deseños de rótulos presentados para a súa autorización e de imaxes actuais dos mesmos lugares que capturan as fotografías antigas.
Máis eventos de tipo Exposición