Evento: Festa da Filloa
Festa da Filloa
“Vés das mans das avoas das nosas avoas, / moi ilustre señora, filloa, vella amiga, / fino corpo lixeiro, / leite e fariña triga, / para ti a nosa festa, para ti as nosas loas. / Se con mel ou con azucre, toda amor, te nos doas, é / xusto que adozada a nosa lingua diga / por mellor festexarte tamén unha cantiga / en Muimenta onde hoxe raíña te coroas”. Así comeza a Oda á filloa, que compuxo a veciña de Cospeito Marica Campo para enxalzar unha das máis afamadas mostras da repostaría tradicional galega, esa sobremesa que noutros lugares se chama crêpe e que en Galicia recibe o nome de filloa ou freixó.
Na parroquia de Muimenta, por iniciativa dos empresarios da zona, celébrase desde 1992 unha festa gastronómica na súa honra, coincidindo co Día dos Traballadores, o 1 de maio, que constitúe unha xornada de convivencia entre veciños e forasteiros e unha reafirmación do espírito rural e do seu porvir na comarca.
Filloeiras e filloeiros afánanse na elaboración de milleiros de filloas (auga, fariña, sal e ovo, aínda que tamén se fan sen ovo) que se degustan xunto ao churrasco e os chourizos crioulos, que son o complemento gastronómico típico desta festa.
No recinto feiral atópanse artesáns como zoqueiros, ferreiros ou cesteiros que venden as súas creacións e fan demostracións en vivo dos seus vellos oficios, o público achégase para comer ou só para mercar as filloas e degustalas na casa.
A Festa da Filloa de Muimenta, que naceu como iniciativa para recadar fondos para a organización da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) –un certame anual de carácter gandeiro, no que ten lugar a Exposición de Raza Rubia Galega e o Concurso de Raza Frisona, ademais de exposición de maquinaria agrícola e unha poxa de gando selecto–, ten hoxe personalidade propia, e recibe anualmente arredor de 25.000 persoas. Grazas a ela, os habitantes da zona devolveron a filloa ao lugar preponderante que lle correspondeu sempre na gastronomía da zona e recuperaron para as súas casas as pranchas típicas na súa elaboración. Foi declarada de Interese Turístico Galego en 2008.