Evento: Talleres para familias. O movemento
Talleres para familias. O movemento
O CGAC organiza un ciclo de talleres sobre arte contemporánea para familias. Os nenos e nenas de entre 4 e 9 anos están convidados a vir con dous dos seus familiares a participar nesta actividade que ten lugar a terceira fin de semana de cada mes. Pais, nais, tías, tíos, avoas, avós... poderán gozar cos máis pequenos investigando e experimentando coa arte en sesións prácticas de creación.
Esta edición estará dedicada á arte contemporánea e o movemento. A través da obra de seis artistas trátanse diversos bloques temáticos relacionados con este concepto: a busca do movemento na pintura e na escultura, a creación co corpo en movemento e a consecución do movemento con recursos como o vídeo ou mecanismos de acción presentes na produción artística dos séculos XX e XXI.
Programa
Pintura e movemento. Bridget Riley
Sábado 20 de xaneiro, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 21 de xaneiro, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 8 ao 19 de xaneiro
Para falar da pintura e o movemento pártese do traballo da artista inglesa Bridget Louise Riley, pioneira da op art. Riley crea complexas paisaxes abstractas coas que consegue efectos ópticos hipnóticos e psicodélicos que poñen a proba a percepción das persoas que as observan, ás que lles esixe un papel necesariamente activo. Nestes talleres haberá xogos coa xeometría, cos contrastes cromáticos, coa combinación de formas, coa repetición e coa escala para conseguir ilusións ópticas nas creacións.
Luz e movemento. LászlóMoholy-Nagy
Sábado 17 de febreiro, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 18 de febreiro, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 5 ao 16 de febreiro
Moholy-Nagy foi un gran artista multimedia das vangardas históricas que traballou coa pintura, a escultura, o deseño, a fotografía e o cine. Na súa obra investiga as relacións entre o espazo, o tempo e os materiais, experimentando coas posibilidades da luz e do movemento. Como Moholy-Nagy, os participantes explorarán a versatilidade da luz e a escuridade e descubrirán este material como medio de creación, observando os seus comportamentos ante a interacción. Xerarán composicións, debuxarán e construirán pezas con diversos tipos de luz, de materiais sensibles e de atmosferas.
Escultura e movemento. Alexander Calder
Sábado 17 de marzo, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 18 de marzo, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 5 ao 16 de marzo
Nos seus comezos, este artista norteamericano creaba pequenas figuras de animais en madeira e arame que co tempo derivaron nos seus famosos e popularizados chupin: estruturas móbiles colgantes que foron o xerme da escultura cinética. Alexander Calder debuxa no espazo, xoga co equilibrio, coas sombras, co movemento case imperceptible, conseguindo que as súas esculturas parezan sosterse soas no aire balanceándose suavemente. O obradoiro probará o equilibrio, facendo levitar as cores, flotar as formas e construíndo esculturas propias acróbatas.
Mecanismos e movemento. Roman Signer
Sábado 14 de abril, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 15 de abril, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 2 ao 13 de abril
Transformacións, explosións, destrucións... Roman Signer traballa co dinamismo e coa tensión das enerxías nas súas denominadas esculturas en acción. Cun ton irónico e dándolle a volta ao método científico tradicional de experimentación e o descubrimento, Signer emprega materiais como a area, o fume, a auga, o vento e obxectos cotiáns que somete a complexos procesos de transformación. Centrándose nestes procedementos a medio camiño entre a arte e a ciencia, o obradoiro estará cheo de experiencias nas que se someterán diferentes materiais ao cambio e á acción mediante diversos mecanismos.
Vídeo e movemento. Pipilotti Rist
Sábado 19 de maio, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 20 de maio, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 7 ao 18 de maio
Pipilotti Rist debe o seu nome artístico á personaxe infantil Pippi Langstrumpf, coa que comparte un espírito libre, crítico e disparatado. A artista emprega imaxes que resultan familiares como ferramenta para evidenciar os estereotipos e as ideas preconcibidas que mostran a televisión e a publicidade. Emprega o formato do videoclip, con imaxes brillantes de cores saturadas e alegres, pero cun discurso crítico. Proxecta as súas montaxes sobre obxectos domésticos como sofás, cortinas, mobles de cociña, nas paredes ou no chan, envolvendo os espazos con imaxes en movemento. As sesións incidirán na creación de novos ambientes espaciais, buscando o movemento a través da expresión corporal e da utilización do vídeo.
Corpo e movemento. Heather Hansen
Sábado 16 de xuño, para familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo 17 de xuño, para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 4 ao 15 de xuño
Utilizando o seu corpo como unha verdadeira ferramenta, Heather Hansen xunta a danza e as artes visuais en debuxos de grande formato. A través de coreografías meticulosas, case rituais, move e contorsiona o seu corpo deixando en cada movemento o seu rastro a través do uso do carbón. Trazos negros xestuais sobre soportes brancos, neutros e de grandes dimensións. O resultado son composicións de grande expresividade, debuxos case cinéticos nos que se repiten patróns simétricos. O taller céntrase no valor procesual da obra de Hansen, e se empregará o propio corpo en movemento como ferramenta para a experiencia artística.
INSCRICIÓN: Os talleres son gratuítos e para participar é necesario escribir —nos prazos establecidos— a cgac.educacion@xunta.gal indicando o título da actividade na que desexan inscribirse, os nomes dos participantes, as súas idades, un teléfono de contacto e un correo electrónico.
Só serán admitidas as persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres.
As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá un correo electrónico de confirmación.
DIRECCIÓN: Rebeca Mariño e Candela Rajal
COORDINACIÓN: Virginia Villar
Máis eventos de tipo Obradoiro