Evento: Goldi libre!

venres, 9 novembro, 2018 - 20:45
Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo
, Arteixo
Espectáculo unipersoal a cargo do actor César Goldi

Goldi libre é un traballo de teatro documento sobre o movemento de insubmisión, un dos primeiros e máis fortes movementos de desobediencia civil xurdidos despois da Transición en España, que levou a centos de persoas novas ao cárcere como presos de conciencia e que tivo como consecuencia inmediata a suspensión do servizo militar obrigatorio despois de máis de 150 anos de vixencia. Un traballo feito a partir da memoria, a experiencia persoal e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi xulgado e condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria, cumprindo a condena no cárcere da Coruña. Desde unha perspectiva autocrítica, distanciada e irreverente, a obra ofrece ademais unha panorámica desenfadada do activismo social e político da esquerda dos anos 80 e 90 do século XX, cuestionando algúns dos mitos da loita antimilitarista. Trátase por tanto de conectar a memoria individual coa memoria colectiva dunha xeración e co imaxinario dunha época a través dun dispositivo especificamente teatral.

Goldi libre é o primeiro proxecto que xorde da Berberecheira, un criadeiro teatral promovido e custodiado por Chévere en Teo co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir. Un laboratorio de creación escénica no que Chévere ofrece soporte para a xestión colectiva de proxectos de creación alleos á compañía.

Máis eventos do ciclo Rede galega de teatros e auditorios

Crecer
13 de novembro, 10:00
Pazo da Cultura de Narón
Crecer
13 de novembro, 12:00
Pazo da Cultura de Narón
Crecer
14 de novembro, 12:00
Pazo da Cultura de Narón
In Between
15 de novembro, 20:30
Auditorio Municipal de Ourense