Evento: O valo
Dirección: Iván Prado
Elenco: Saleta Torres e Fran Rei
Culturactiva, Festiclown e Pallasos en Rebeldía únense para crear unha obra sobre un tema de actualidade. Nos últimos anos o mundo está a vivir unha crecente crise de refuxiados e refuxiadas que foxen da guerra. Cada día hai miles de persoas que deben tomar a decisión máis difícil da súa vida: abandonar o seu fogar na procura dunha vida mellor. Tal e como informan diversos organismos internacionais, estamos a sufrir a maior crise humanitaria desde a fin da segunda guerra mundial. Segundo os datos facilitados por ACNUR, máis de 60 millóns de persoas tiveron que saír do seu país na última década.As razóns polas cales as persoas migran son diversas e complexas. Hai persoas que se trasladan a outros países para mellorar a súa situación económica ou para continuar a súa educación. Outras vense obrigadas a abandonar o seu país para fuxir de abusos contra os dereitos humanos coma a tortura, a persecución, os conflitos armados, a pobreza extrema e mesmo a morte. “A xente morre mentres os gobernos gastan miles de millóns en controlar as fronteiras” (Amnistía Internacional)
Ante esta situación, Pallasos en Rebeldía – entidade de cooperación internacional a través das artes e con ampla traxectoria en zonas de conflito – decide crear e producir este espectáculo, coa crise das persoas refuxiadas de fondo, para convidar ao público infantil a reflexionar e tomar conciencia sobre esta problemática que está a se enquistar nas nosas fronteiras.
A partir do marabilloso texto de Carlos Labraña, merecedor do IX Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil, O Valo está dirixido por Iván Prado e posto en escena por Saleta Fernández e Fran Rei.