Evento: Samuel Diz

domingo, 17 setembro, 2017 - 19:00
Castelo de Pambre
, Palas de Rei

Samuel Diz

A guitarra na Galicia contemporánea

Paseando doña Silvana polo corredor arriba, tocando nunha guitarra cousa que ela ben sabía […].

Así documenta un romance, recollido no primeiro terzo do século XX polo musicólogo lucense Jesús Bal y Gay a poucos quilómetros de Palas de Rei, a presenza da guitarra na tradición popular galega, mención que inspiraría a única partitura para guitarra deste autor, unha pastoral de estética neoclásica dedicada a Regino Sainz de la Maza, guitarrista que percorrera xa daquela os escenarios de Galicia.

Con este pretexto, o guitarrista Samuel Diz ofrece en Espazos Sonoros un recital no que se traza, cun afán divulgativo, un percorrido histórico pola presenza da guitarra en Galicia, a través dunha escolla de obras compostas orixinariamente para este instrumento que nos permite emprender un frutífero diálogo entre o popular e o erudito, presente de forma continua na música para guitarra do século XX. Obras do descoñecido José Chas, de Jesús Bal y Gay, de Frederic Mompou ou do autor contemporáneo Saúl Chapela, entre outros, integran un programa de músicas que terán como pano de fondo o lendario castelo de Pambre, nas terras da Ulloa. Samuel Diz é guitarrista e investigador e un brillante concertista que ten actuado en diferentes países dos continentes europeo, americano e africano. Establecido en Galicia desde hai anos, Samuel Diz é un músico comprometido coa recuperación do patrimonio musical galego, traballo que centra na tarefa de rescatar a descoñecida identidade e a presenza da guitarra no noso país, tema que enlaza directamente cos contidos do concerto de hoxe.

 

Máis eventos de tipo Concerto

Noemí Mazoy
Noemí Mazoy
23 de maio
Auditorio Municipal Gustavo Freire
Rebeca Jiménez
Rebeca Jiménez
24 de maio
Liceo de Ourense
Circuit Des Yeux
Circuit Des Yeux
24 de maio
Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa (MAC)
Calcutá
24 de maio
Casa das Crechas