Evento: A Galiña Azul
A Galiña Azul
Despois de máis de 100 representacións coas súas dúas anteriores pezas (A Historia de Brancaflor e O Conto de Barriga Verde), o cómico Fran Rei presenta neste 2017 A Galiña Azul, un espectáculo creado a partir da popular obra infantil de Carlos Casares (Letras Galegas 2017), publicada en 1968, despois de gañar o 1º premio do Concurso nacional de Contos Infantís O Facho.
Na súa liña habitual, Fran Rei mestura narración, humor, maxia e monicreques para achegarlle ao público infantil e familiar o universo que Carlos Casares creara para que a pequena Ana “non esquecese nunca que é galega”. Ana era unha rapaza de sete anos que, como tantas outras daquela, marchara cos seus pais fóra de Galicia.
Ademais de compartir espazo con referencias doutras obras e da biografía do autor ourensán, neste espectáculo entrelázanse as cinco historias que compoñen A Galiña Azul: O peixe da fonte do xardín, A bomba da felicidade, A galiña azul, A formiga esquiadora e O final da historia da galiña azul. Cinco contos fantásticos nos que comparten protagonismo animais e homes con características peculiares e carácter entrañable.
De novo, Fran Rei ponse baixo a dirección da luguesa Tareixa Campos, e conta coa colaboración de Marga Portomeñe, que deseñou e elaborou para o espectáculo uns monicreques a partir das marabillosas ilustracións orixinais do libro, de Trichi, Ilda, Mima e Alberto García Alonso, fillos de Xohán Ledo (Ricardo García Suárez), o deseñador e portadista de Galaxia durante máis de trinta anos
Máis eventos de tipo Espectáculo