Evento: Nani García Trío en concerto
Nani García Trío en concerto
Nani García volve á primeira liña da escea musical contemporánea recuperando o seu emblemático trío de jazz, un proxecto co que xa nos ano 80 consegueu anovar o panorama jazzístico galego. Con novos músicos e repertorio, pero mantendo a formación de piano, contrabaixo e batería, Nani García Trío vai máis aló dos estándares e da creatividade esporádica propios do jazz convencional para apostar por unha estética integral e contemporánea, que afonde tanto no son das pezas como na execución instrumental.
Actualmente NG Trío disponse a presentar o seu último traballo Serendipia, segunda publicación da formación após de Renaissance, xira que desenvolveu por todo o territorio durante 2013.
O repertorio de Nani García Trío é unha mestura de antigos temas, retallos de bandas sonoras e outras composicións de Nani reformuladas en clave de jazz, así como pezas totalmente novas. Todo coa sinatura inconfundible do propio Nani García, unha das figuras máis destacadas da música galega e española, como compositor, intérprete, arranxista e produtor de todo tipo de formatos e xéneros contemporáneos e de vangarda.
Amais do piano de Nani, o trío complétase co contrabaixo de Simón García e a batería de Miguel Cabana, dous mestres nos seus respectivos instrumentos recoñecidos a nivel internacional.
Máis eventos de tipo Concerto