Evento: Facer-Pensar o Espazo
Facer-Pensar o Espazo
Anexo do MARCO vaise converter ao longo de 2017 nun salón, nese lugar para estar e onde se irán desenvolvendo diferentes dispositivos que procurarán activar este novo lugar de encontro; nel se sucederanse investigacións, seminarios, obradoiros, perfomances e diversas accións co fin de habilitar un mecanismo de mediación coa cidadanía.
http://www.marcovigo.com/content/sal-n-do-marco-un-lugar-para-facer
Co obxectivo de deseñar e construír conxuntamente o propio espazo do salón no que terán lugar estas accións, convócase este obradoiro. Como un dispositivo de mediación e co-decisión entre as persoas participantes.
No obradoiro cuestionarase en colectivo como ha de tramarse ese lugar que facilite o novo espazo do Museo pensando como debe materializarse este espazo. Procurarase tecer un punto de reunión no que abordar cuestións como a materialidade, o deseño, o Do It With Others ou a propia sustentabilidade da construción. Para construilo traballarase no propio almacén do museo, nos sótanos do MARCO, onde probarase a reutilizar obxectos e artefactos que se foron almacenando e que proveñen das exposicións realizadas durante os 14 anos de existencia do Museo.
O Obradoiro contará coa mediación de Alex F. Palicio, arquitecto impulsor do colectivo tecnoloxía/s apropiada/s https://tecnoloxiasapropiadas.wordpress.com/ —que se ocupa de promover e realizar construcións no ámbito sustentable, organizar talleres de formación en bioconstrución, estruturas low-tech...—, membro do equipo de urbanismo seteoitavas, e co-coordinador do colectivo Montenoso. Ten realizado investigacións sobre a Construción con terra en Galicia, do patrimonio das telleiras do Baixo Ulla ou de árbores froiteiras esquecidas. Ademais contarase co asesoramento de Paul Guy, experto facedor do propio Museo, co que traballaremos estes materiais usados en anteriores exposicións.
O obradoiro é gratuito e está aberto á participación de calquera persoa interesada, previa inscrición, con prazas limitadas a 5 participantes.
Contacto e solicitude de participación:
As persoas interesadas poden solicitar a inscrición a través do email marta.viana@marcovigo.com coa ref. Obradoiro/Espazo, facilitando o seu nome + apelidos, teléfono + email de contacto, xunto cunhas liñas de motivación, intereses ou razóns para participar no obradoiro.
En función do número de solicitudes recibidas, seleccionarase un máximo de 5 persoas.
Prazo límite solicitudes: venres 17 de marzo, ás 14.00
Máis eventos de tipo Obradoiro