Evento: Desconexión
Desconexión
Dramaturxia e dirección: Santiago Cortegoso Elenco: Xurxo Cortázar (en escena); Santiago Cortegoso e Marián Bañobre (voces en off)
Sinopse: O individuo 724/2013 FK3 cumpre a súa condena conectado a un semáforo regulando o tránsito de peóns. Ten dobre personalidade: cando viste traxe verde é amable e deixa pasar; cando viste traxe vermello é malencarado e manda parar. Xornada tras xornada desenvolve a súa rutineira misión, sen poder esquecer o seu obxectivo soñado: fuxir cara á liberdade e converterse nun ser humano. Ata que escoita unha voz sensual que o fai saír da súa gaiola e emprender unha viaxe cara ao descoñecido. Por fin atopou unha vía para desconectar. No seu periplo vaise atopar en situacións novas para el, que terá que resolver coa dignidade que lle permita o feito de ser un monifate sen personalidade definida.
Mediante a metáfora da dualidade do monifate do semáforo, en Desconexión trátanse temas inherentes ao ser humano: a rutina e as gañas de fuxir dela; a necesidade de formar parte de algo e a necesidade de individualidade; o afán de estar conectado e o afán de desconectarse... Sempre desenvolvidos desde o humor pero co fondo tráxico do sentimento de falta de liberdade para poder tomar decisións propias.
Ficha artística Iluminación e son: Dani Abalo
Escenografía, vídeo e fotografía: Juan Silva
Deseño gráfico: Juli Molares
Texto orixinal e produción: Xurxo Cortázar
Produción asociada e distribución: Crémilo - Carlos Martínez Carbonell