Evento: A arte de navegar
A arte de navegar
Exposición sobre a doazón feita por Antonio Rama Laguna á Comunidade autónoma de Galicia, dunha importante colección de pezas vinculadas coa historia da navegación.
O Museo Massó incrementou a súa colección de historia da navegación grazas á importante doazón realizada polo coleccionista Antonio Rama Laguna. Esta doazón permite ampliar o marco cronolóxico das coleccións do Museo ata as décadas centrais do século XX, período inmediatamente anterior á invención do GPS. Coa incorporación desta nova tecnoloxía desaparecerá un sistema de navegación milenario e os instrumentos aos que dera lugar.
O soporte teórico que da pé a esta singular exposición é o seguinte. A arte de navegar foi dende a antigüidade e ata o século XIX a base para o coñecemento do mundo e as relacións e intercambios entre os pobos dos distintos continentes. Dende a época na que os fenicios dominaban o Mediterráneo e ata o século XV a navegación era basicamente costeira. A partir de entón, para emprender as longas travesías oceánicas ás que se aventuraron portugueses e españois foi preciso o desenvolvemento de disciplinas como a astronomía, as matemáticas, a xeometría e a cartografía. O coñecemento destas disciplinas permitiría coñecer a posición do barco e o rumbo a seguir. Para realizar estes cálculos sen avistar terra, o mariño contaba cos astros, o horizonte, a velocidade do barco, a medición do tempo e a forza dos polos magnéticos da terra. O desenvolvemento da tecnoloxía e instrumentos que se precisan para navegar iníciase na Idade Media coa invención do compás náutico e culmina na década de 1990 coa implantación do sistema de navegación por satélite GPS.
Máis eventos de tipo Exposición