Evento: Feira dos Santos

Feira dos Santos
domingo, 1 novembro, 2015 - 12:00
Diferentes espazos da vila,
Monterroso

Feira dos Santos

Festa de Interese Turístico de Galicia, cuxa orixe remóntase á Idade Media

Considerada a Feira das Feiras en Galicia, a súa orixe remóntase á Idade Media, vinculada a un imposto sobre o sal cobrado na contorna da vila. Tradición e autenticidade son dúas calidades que se poden aplicar á feira que por Santos se celebra en Monterroso, na comarca da Ulloa, e no centro xeográfico de Galicia. Polo menos, este mercado agrícola e gandeiro funciona desde 1450, data da que se teñen probas documentais, aínda que as últimas investigacións apuntan a que a feira pode ter unha antigüidade de 800 anos.

No século XX estaba consolidada como a primeira feira cabalar de Galicia e incluso tras a Primeira Guerra Mundial, cando outras feiras deixaron de celebrarse pola pandemia de gripe, Monterroso resistiu grazas aos vendedores de láudano e outros remedios contra a enfermidade.
O certo é que cada ano máis de cen mil persoas non deixan de asistir a esta cita que ofrece unha oferta de arredor dun milleiro de postos de venda ambulante. Alén da feira cabalar, Monterroso é o gran mercado dos produtos de tempada: queixos, castañas, mel, produtos cárnicos e doces, ademais de medio centenar de postos de polbo distribuídos por toda a superficie feiral. As rúas da vila son habilitadas para a instalación dos feirantes que ofrecen, ademais de produtos do campo, roupa e calzado.

O espazo acolle, ademais, actuacións musicais e degustacións gastronómicas locais. O mercado deu orixe á vila que se formou pola súa privilexiada situación como cruzamento de camiños de arrieiros, que comunicaban a costa galega con Castela e co resto da península.

Monterroso é, en definitiva, unha visita obrigada para calquera persoa interesada na cultura e tradicións de Galicia. Como di o cantar popular: “se ti viras o que eu vin alá arriba en Monterroso; vinte e cinco xastres xuntos, a cabalo dun raposo”.

Destacado: A degustación do polbo á feira.

Máis eventos de tipo Festa/Feira popular

Festa da Vieira de Cambados
18 de xullo a 22 de xullo
Cambados
Festa do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas
18 de xullo a 22 de xullo
Bouzas
Festa da Dorna de Ribeira
18 de xullo a 24 de xullo
Ribeira
Feira do Viño do Rosal
18 de xullo a 20 de xullo
O Calvario