Evento: Bravas

Bravas
martes, 9 decembro, 2025 - 19:00
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal,
Santiago de Compostela

Bravas

Espectáculo teatral con Isabel Risco

Bravas é unha produción teatral sobre mulleres sen medo, mulleres que forman parte dun valoroso clan, o clan que elas mesmas paren, amantan, manteñen, constrúen cos piares da rebeldía, da rebelión, da ilusión, do inconformismo, da valentía, da xustiza social, da empatía, da humanidade. 

Isabel Risco proponnos un xogo desde o teatro cómico e comprometido. Alegre e combativa, porque entende que se non podemos bailar, se non é divertíndonos, tampouco é a nosa     revolución. Así, con este espectáculo pretende ademais reivindicar o humor das mulleres, que ofrece unha perspectiva única, plural, diversa, poliédrica e tan necesaria da realidade.
Bravas fai un repaso histórico pola nosa era, desde a época castrexa ata o século XXIII. Unha viaxe no tempo con paradas en diversas estacións, reparando nas pequenas e grandes historias protagonizadas polas nosas mulleres. Isabel Risco ponse na pel dunha muller do rural galego de finais do século XVIII, dunha muller en loita en plena revolución industrial, dunha rapaza que descobre o mundo nos anos 60... Mulleres do noso pasado, do noso presente e, tamén, do noso futuro. E todo isto pasado polo filtro, sempre aloucado, sempre cómico, sempre sorprendente desta actriz sen igual. 

Actriz, clown e pedagoga teatral, Isabel Risco formouse con mestres coma Eric de Bont, Jango Edwards, John Wright, Leo Bassi, Serge Nail, Kirko Koski, Alfredo Rodríguez, Tom Greder, Claudia Contín, Ángel Burgos, Sophie Gazel, Carlo Colombaioni, Pablo Muñoz, Johns Pappila, Manuel Lourenzo, Carlo Bosso... Ademais de estar sobradamente preparada, leva varios lustros levando á práctica a súa vis cómica sobre as táboas ou diante das cámaras. Desde o ano 2000 participa en espectáculos profesionais nas compañías Espello Cóncavo, Os Sete Magníficos máis Un, Manicómicos e Produccións Desaqueloutradas. No ámbito do audiovisual, traballa como actriz secundaria e protagonista en series como Padre Casares, Era visto, A vida por diante, O Nordés ou Air Galicia, e outros programas da TVG como O Show dos Tonechos, En pé de festa, Zapping comando, Máxima audiencia, Land Rober ou Tourilandia; ademais de realizar curtas, publicidade e algunha longametraxe, como Os mortos van ás présas, Onde está a felicidade? ou 9 Ondas. 

Dirixido a público adulto.
No salón de actos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Máis eventos de tipo Espectáculo

A pluma viva de Rosalía
19 de decembro
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Brinca vai! De aquí a acolá
20 de decembro
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
Barquiño de pau
23 de decembro
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Cinema Marabillas, Ver para ler
27 de decembro
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal