Elementos singulares

No  interior e ao redor da paisaxe cultural da Ribeira Sacra identifícanse outros bens existentes, xa sexan Bens de Interese Cultural (BIC) declarados de forma individual, contornos de protección tamén aprobadas, bens catalogados ou outros bens que destacan pola súa contribución á definición dos valores extraordinarios da Ribeira Sacra, segundo se ten exposto no Anexo II.

Algúns destes bens son interiores á área da paisaxe cultural delimitada (os chamados intraámbitos), e outros son exteriores á mesma (os chamados exoámbitos), xa que se localizan ou ben na bocarribeira ou ben mesmo afastados dela, pero teñen unha clara vinculación.

O método da delimitación destes intraámbitos e exoámbitos varía segundo as súas condicións de implantación, pero en moitos dos casos responde xa a procedementos previos que foron perfeccionados ou asumidos pola lexislación vixente. Polo tanto algúns deles manteñen a súa delimitación, e para outros proponse unha delimitación baixo os mesmos criterios ou as determinacións de carácter subsidiario vixente:

  • No caso dos Bens de Interese Cultural coa categoría de conxunto histórico, como Monforte e Castro Caldelas, mantense a súa delimitación, zonificación e réxime. Os límites xeorreferenciados dos conxuntos históricos foron tomados dos límites oficiais dispoñibles en formato *.shp no Visor do catálogo das paisaxes de Galicia da Xunta de Galicia.
  • No caso dos Bens de Interese Cultural coa categoría de monumento cun contorno de protección específico tamén aprobado ou incluído na mesma declaración, mantense a súa delimitación, contorno de protección e réxime. É o caso da igrexa de Santo Estevo de Chouzán (Carballedo), da igrexa de Santa María de Pesqueiras (Chantada), do mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos), do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao), do mosteiro de Santo Estevo de Atán (Pantón), do mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Santa Cristina de Ribas de Sil), da igrexa de San Facundo de Ribas de Miño (Paradela) e do mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo.
  • Para os bens de interese cultural declarados coa categoría de monumento para os que non fora publicada unha delimitación no seu decreto ou norma de aprobación, empregáronse como referencia principal as propostas de delimitación de contorno  recollidas nos seus expedientes ou, de ser o caso, as delimitacións propostas nos documentos de planeamento urbanístico en vigor ou en trámite de aprobación, como mellor xeito de integrar os réximes de protección efectivos. Subsidiariamente empregáronse os criterios xerais usados na delimitación da paisaxe cultural, ben para corrixir erros ou ben para adaptarse á estrutura do territorio inmediato. É o caso de Ponte Bibei (A Pobra de Trives – Quiroga), da igrexa de San Xoán da Cova (Carballedo), do mosteiro de Santa María de Montederramo, do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín), do mosteiro de San Paio de Diomondi (O Saviñao), da igrexa do mosteiro de San Miguel de Eiré (Pantón), do mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, da igrexa de San Fiz de Cangas (Pantón), da colexiata de San Nicolás ou San Xoán de Portomarín, e da igrexa de San Pedro de Bembibre (Taboada).
  • No caso dos bens actualmente só catalogados, inmobles do patrimonio cultural recollido nos inventarios previos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e aínda non clasificado, ou bens sen ningunha protección vixente, os seus límites foron dixitalizados segundo a información recollida dos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados ou en trámite, e no seu defecto, proponse unha delimitación específica, coa categoría que corresponde ao seu interese e tipoloxía e coa base dos criterios xerais recollidos neste anexo. É o caso de bens como Adegas de Vilachá (A Pobra do Brollón), cidadela de Santa María (A Pobra de Trives), igrexa de Santa María de Temes (Carballedo), capela do poboado dos Peares (Carballedo), mosteiro de San Paio de Abeleda (Castro Caldelas), igrexa de Santa María de Nogueira de Miño (Chantada), subestación do encoro de Belesar (Chantada), mosteiro de San Salvador de Asma (Chantada), pazo de Tor (Monforte de Lemos), capela da Virxe de Guadalupe (O Saviñao), igrexa de Santa María de Seteventos (O Saviñao), igrexa e casa reitoral de San Vicente de Pombeiro (Pantón), fábrica da luz do río Mao (Parada de Sil), necrópole de San Vítor de Barxacova (Parada de Sil), poboado dos Covallos en Montefurado (Quiroga), explotacións mineiras e túnel de Montefurado (Quiroga), e muíños do Xabrega (Sober).

Os límites dos inmobles foron dixitalizados adaptándose ao parcelario do Catastro Oficial de España; para os seus contornos foron dixitalizados límites aproximados, xa que a escala e calidade das ditas fichas non sempre permitía adaptalo ao parcelario existente, se ben procurouse o maior axuste posible sobre a estrutura do territorio.

Como criterio subsidiario, as novas delimitacións adáptanse ao parcelario e elementos significativos da estrutura do territorio, tomando como referencias as distancias establecidas no artigo 38 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, segundo a súa tipoloxía e localización.