Edificacións existentes

No caso das edificacións existentes non clasificadas especificamente someteranse á autorización da DXPC só as novas obras de reestruturación e ampliación.

O resto de intervencións sobre estes inmobles non requirirán a devandita autorización, e poderán ser realizadas respectando os criterios e instrucións legais en materia de integración e harmonización cos valores culturais do ámbito, en especial os criterios recollidos nos artigos 44, 46 e 89 da Lei 5/2016, do 4 de maio, en especial as tipoloxías construtivas e os materiais tradicionais. Tomaranse en especial consideración tamén a estes efectos os contidos da Guía de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais e o Tomo V da guía de cor e materiais de Galicia promovidas pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

En calquera caso, e con respecto ás adegas de garda que se sitúan no ámbito das propias producións dos terreos abancalados, cómpre indicar que o seu uso implica, de forma eventual, pero repetida, a presenza de persoas con carácter habitual.

Por tal motivo, nas condicións sanitarias que sexa necesario asegurar o seu acondicionamento para a estancia das persoas, ademais dos apeiros e ferramentas necesarias, será compatible cos seus valores, sen que iso implique a xustificación para a súa transformación en usos residenciais, habituais ou esporádicos, nin de vivenda.

Nas casetas e construcións que se localicen nos propios socalcos, limitarase a súa construción e estará xustificada pola existencia da actividade agrícola. As súas dimensións de referencia non debera superar os 30m2 de superficie cuberta, executadas con muros de pedra de granito ou de xisto segundo a zona, e cuberta a unha única auga, no sentido da pendente, de lousa ou tella segundo a zona.

Esta ocupación en planta axustará a súa posición e dimensións ás dos abancalamentos nos que se localiza, procurando o soterramento da parede paralela á pendente máis elevada, sen prexuízo de que poida aproveitarse de forma soterrada toda a superficie necesaria.

Non se autorizarán plataformas ou pistas de acceso específicos para acceso a estas dependencias, xa que o seu uso non as require, con independencia de que se poidan executar os pasos, escalas ou, de ser o caso, camiños que resulten precisos. A súa nova implantación requirira a autorización previa da DXPC.