A delimitación da paisaxe cultural da Ribeira Sacra inclúe un ámbito territorial completo cunhas características homoxéneas nos aspectos xeográficos, naturais e históricos. Froito da gran variedade de valores que atesoura este territorio, existen xa na actualidade numerosas figuras de protección, tanto declaracións singulares do patrimonio cultural arquitectónico, etnolóxico e arqueolóxico, como outras derivadas das perspectivas do patrimonio natural ou da paisaxe. Existen zonas de especial protección dos valores naturais, espazos Rede Natura, protección da flora e da fauna, e áreas de especial interese paisaxístico.
Para afrontar o coñecemento e achegamento a unha delimitación apropiada da paisaxe cultural definiuse unha área de estudo inicial do conxunto dos 25 concellos que representan a idea de Ribeira Sacra, sexa como Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Xeodestino Ribeira Sacra ou Denominación de Orixe Ribeira Sacra, xa que nun, noutro ou en todos eles existe unha vontade de pertenza e recoñecemento baixo esta figura. Por isto se estimou apropiado, como estratexia de partida, incorporalos a todos eles no proceso de identificación dos valores culturais que fan del un territorio extraordinario.
Sobre o terreo, a delimitación da paisaxe cultural da Ribeira Sacra proposta configúrase cos seguintes límites:
- Ao norte o canón do Miño, limitado pola presa de Belesar, nas parroquias de Rebordaos no Saviñao e Pesqueiras en Chantada, no que se conxungan as extraordinarias e complexas relacións da construción do territorio, humanizado en socalcos de viño e impresionado no muro parabólico da presa que coroa a área.
- Ao sueste o canón do Sil, limitado polas parroquias de Vilachá na Pobra de Brollón e Torbeo en Ribas de Sil. Dun lado, o magnífico exemplo do conxunto das Adegas de Vilachá de Salvadur, e ao sur, Torbeo, no que se manifestan de forma impoñente os cóbados do Sil.
- Ao suroeste marcaríase o terceiro pé da delimitación nos elementos asociados ás canles dos ríos, na parroquia de Peares, na Peroxa, e confinantes, no que se produce a conxunción de provincias, parroquias e ríos Miño e Sil.
Sendo os tres anteriores os vértices da figura, o seu perímetro estaría definido pola liña de bordo da bocarribeira, o lugar onde se produce a vertixinosa caída de pendentes, incorporando as peadas das abas que acollen os socalcos, e que se asumen como a liña ou espazo, identificadora dun uso intensivo do territorio, no cambio de pendente, e que a xeografía e o río caracterizan cun microclima e condicións de traballo e manexo diferenciadas.