Crismón da Ermida ou Crismón de Quiroga

O Crismón da Ermida é unha das pezas máis singulares da liturxia e a arte cristiana coñecidas en Galicia e no contexto cultural do occidente europeo, ademais de ser unha obra dun significativo valor artístico e plástico mesmo na actualidade.

Trátase dunha peza que estaba localizada na igrexa da Nosa Señora da Ermida, en Quiroga, na posición de mesa de altar. É un bloque de mármore branco grisáceo con vetas azuis,probablemente de procedencia de Louzara, de forma circular, de case un metro de diámtero e uns 6 de grosor. Na súa posición estaba ata 1887, cando o Bispo decidiu retirala nunha visita pastoral polas prácticas supersticiosas que existían ao seu redor e desde 1925 se atopa no Museo Diocesano da Catedral de Lugo.

Na súa cara ten inscrito un grande crismón, o monograma de Cristo, X+P entrelazadas coas letras alfa e omega aos seus lados, e na faixa exterior perimetral unha fermosa inscrición rodeada por pérolas en relevo, no formato literario de dístico en latín XP AVRVM VILE TIBE EST, ARGENTI PONDERA CEDANT. PLVS EST QVOD PROPRIA FELICITATE NITES, que pode traducirse por: “O ouro é vil para ti, as riquezas de prata abátanse. Máis é o que reloces pola túa propia felicidade. “.

Pode afirmarse que se trata dunha obra romano-cristiana local, de mediados do século V. O reverso está sen traballar polo que a función máis probable sería a de mesa de ofrendas. Na súa localización na Ermida outras pezas de semellante material parecen concluír que estaría no seu contexto primeiro.