A construción tradicional do territorio

O territorio da Ribeira Sacra enténdese como unha paisaxe cultural ben delimitada polos seus valores culturais e naturais. Porén, é unha paisaxe representativa dos valores esenciais da identidade galega, o seu celme máis orixinal e propio.

Hoxe a Ribeira Sacra, xa sen ouro e sen eremitas, cos mouros agochados nos castros e nas rochas e nos penedos sen amosar o seu caprichoso actuar, como o capricho das forzas da natureza, é concibida se cadra máis que nunca coma un lugar sagrado, un lugar santificado polo esforzo heroico dos que aínda viven nel e o posibilitan, contra a inercia dunha forma de vida que cada vez lles require dun maior esforzo e militancia para seguir a vivir a súa vida.

A estreita relación co territorio propiciou o xurdimento dun riquísimo catálogo de coñecemento popular, crenzas, ritos e cerimonias, unha sistemática de saberes relativos á natureza e á vida que xira ao redor dos ríos e dos principais elementos da paisaxe, e que foi transmitíndose ao longo dos séculos.

As xacias, as meigas ou os mouros son persoeiros habituais na transmisión oral e na propia percepción do territorio, a toponimia e a diversidade. Do mesmo xeito, naceron tradicións ancestrais que seguen manténdose, como o Entroido, festas do final de inverno ou festas de primavera, de celebración da resurrección da vida e da natureza, ritos relacionados co sol, co lume e as actividades necesarias para propiciar os beneficios dunha boa colleita ou dunha boa saúde.

Na actualidade, son moitas as festas e actividades que se ligan tamén á recreación e transmisión dos coñecementos e procesos tradicionais relacionados cos principais produtos agrarios das comunidades (castaña, cereixa, viño).

Tamén un exercicio entre o rescate e a militancia supón o mantemento das actividades artesanais ligadas aos produtos domésticos que noutrora eran parte esencial da vida diaria e das relacións comerciais, e que hoxe teñen un carácter cultural asociado ao amor e respecto pola propia tradición e a cultural en xeral, entre os que cómpre destacar ás singulares producións oleiras dos cacharreiros de Gundivós ou de Niñodaguia, ou o facer dos afiadores, moitos deles de Esgos e que peregrinaban coas súas ferramentas por toda a Península; ou os cesteiros e os traballos de lata.

Existen tamén pegadas de dor relacionadas co traumático abandono pola forza dos fondos dos vales coa construción dos encoros, a perda dos referentes vitais, dos vaos, dos batuxos, das pesqueiras e muíños, pero tamén das propias casas.

Os retos para o territorio son grandes. A ameaza do despoboamento, unha zona especialmente sensible polos inxentes esforzos que requiren os servizos e a atención a unhas comunidades envellecidas, co risco dun abismo xeracional que, unha vez máis, está a saber reconducirse a través da apreciación e valoración da súa singularidade, facendo das súas dificultades a oportunidade para reafirmar a súa identidade e apostando por procesos ligados á terra e aos seus valores, tamén os culturais.