Cidadela de Santa María (A Pobra de Trives)

Na confluencia do Bibei e o Fiscaíño atópanse os restos dunha cidadela que foi poboada nos remates do século X nunha situación extrema, nun promontorio rochoso natural sobre o río, nunha crista triangular de 120 metros de lonxitude por só sete de anchura media, e a unha altura aproximada de 15 m sobre o río.

Nun cortado vertical da crista, na cara suroeste sobre unha superficie de 7 m de altura por 4 de largo, labrouse unha cartela co seguinte contido: “No nome do Señor iniciamos a presente construción na era de 1010 (ano 972), con tan bos resultados que se di ser este lugar a auténtica cidadela de Santa María”. Cronoloxicamente, esta inscrición se produce no epílogo da segunda repoboación propiciada polos avances conquistadores de Alfonso III o Magno e nas vésperas da desoladora expedición de Almanzor e do pantasma ameazador do milenarismo.

Os protagonistas desta inscrición exemplifican a parte desa nutrida pléiade de ascetas anacoretas que, dende antigo viñan buscando as quebradas abismais dos grandes ríos da Ribeira Sacra, non só como lugar de retiro, senón tamén como lugar para o refuxio. A menos de 100 metros da inscrición consérvase un lagar rupestre conformado dentro dunha estrutura rectangular. Este lagar semella ser coetáneo do establecemento anterior e parte integral das súas estruturas funcionais que pode acreditar o cultivo da vide e a produción do viño neste territorio xa dende unha época moi antiga.

O seu valor máis relevante, ademais de testemuñar a creación moi temperá dun asentamento ligado á vida ascética nunha paraxe remota, é o de constituír un documento físico escrito en pedra, inscrición que fala da fundación desta oppidum por uns autores que a consideran digna da Virxe María no ano 972.