A casa tradicional

A casa labrega das cuncas do Miño e do Sil caracterízase por unha forma rectangular exposta ao sur a media pendente, de dúas alturas, algunha delas parcialmente soterrada co obxecto de obter espazos óptimos para a conservación do viño, pero con múltiples variacións e alteracións producidas pola múltiple natureza das singularidades da topografía. Os accesos habituais son por patíns ou corredores de escasa altura e de certa amplitude que colaboran ás funcións agrícolas e ao acondicionamento ante os estremos climáticos. As casas teñen función de vivenda, adega e corte, que se separan por grosos muros estruturais e de escasas aberturas.

No interior as divisións son escasas, algunha parede para illar a cociña, que en ocasións se despraza cara o corredor nas vivendas máis sinxelas. Nas máis complexas distribúese con divisións en cuartos, sala e cociña.

Nos núcleos de maiores dimensións son tamén habituais casas de tres andares, os dous primeiros parcialmente soterrados, coa planta terrea dedicada á bodega, cun amplo portalón de dúas follas, e de ordinario entre medianeiras, que exemplifica o crecemento asociado a unha explotación máis sistemática do viño no século XIX e XX. A planta primeira será a do dormitorio principal e a sala, namentres que a última, que tamén terá acceso directo dende o exterior pola parte posterior, acolle a cociña.

O material de construción é variado, respondendo á natureza do solo. A presenza da pedra adoita facer innecesaria a cimentación e permite unha execución rápida co material accesible, sexa xisto de escasa calidade, coa introdución puntual de perpiaños de gran ou coios, ata granito de boa calidade. Entre a heteroxeneidade de materiais destaca, polo xeral, a técnica da pedra en seco de procedementos máis modestos.

Como se indicou, as aperturas e ocos soen ser de pequeno tamaño, con cargadeiros e linteis precarios, marcos de madeira ou pequenos arcos de descarga de cachotería. O maior dos ocos será a porta da adega, na que tamén se dispoñen reixas practicables. Complementariamente destaca o uso do pallabarro ou dos barrotes de madeira como técnica para a execución de tabiques ou mesmo de cerramentos exteriores non estruturais, que adoitan coincidir cos corredores e as fachadas principais, e as técnicas de esgrafiado, con mostras fantasiosas de formas animais e orgánicas que decoran a pel exterior.